Otegi insta o PNV a “rectificar” o apoio a un goberno que “ameaza Catalunya”

“Nin a súa historia, nin as súas bases nin este país merecen que o PNV apoie este goberno”, afirma o líder de EH Bildu.

otegi

O PNV non pode seguir a soster un goberno español que manda Garda Civil e Fiscalía contra os cargos electos cataláns por defender o dereito a decidir do seu pobo. Así o manifestou Arnaldo Otegi nunha comparecencia de impresa na que instou os jeltzales a “rectificar” o soporte que dan ao executivo de Rajoy. “Nin a súa historia, nin as súas bases nin este país merecen que o PNV apoie este goberno”, afirma o líder de EH Bildu.

Otegi conclúe que “defender Catalunya é defender Euskal Herria” e expresou o seu apoio aos pasos dados estes días polo Parlament, criticando que en Madrid “non hai interlocutor político” para un referendo pactado e que a súa única aposta é na “forza” e os tribunais.

EH Bildu tenta achicar o espazo ao PNV, que tenta moverse entre o respecto ao soberanismo catalán e os seus acordos e pactos co PP. Para a esquerda abertzale, non hai cabida nestes tempos a prestar apoio ou respaldo a un executivo que emprega ameaza, coerción e forza contra unha sociedade que pretende autodeterminarse. 

Comentarios