Otegi aposta en crear un Estado propio

O velódromo de Anoeta ficou pequeno –milleiros de persoas quedaron fóra- no acto de benvida a Arnaldo Otegi após a súa saída da cadea. No seu discurso, no que citou Castelao, apelou o que chamou a “nova esquerda” a se sumar aos “procesos constituíntes das nacións”.

[Imaxe: Sortu] Otegi, no acto
photo_camera [Imaxe: Sortu] Otegi, no acto

No acto de benvida tras saír da cadea, Otegi afirmou que no futuro hai dúas opcións. A primeira, que considera moi improbábel, pasa por que se constitúa “a democracia en España”, que sexa posíbel “a evolución política” e que chegue un punto no que se recoñecerá “o dereito a decidir do pobo vasco”. A segunda, na que aposta o abertzale, pasa por “construír un Estado propio”. Citou entón a Castelao e o seu desengano arredor do federalismo.

Neste contexto, emprazou o que chamou “nova esquerda española” a ser “honesta”. “Nós estamos dispostos a colaborar para democratizar o Estado, pero pedímosvos que o día en que se comprobe que isto é imposíbel, vos sumedes aos independentistas”.

Defendeu que todas as persoas teñen dereito a vivir nun Estado “decente” que satisfaga as necesidades básicas

Un Estado decente

Na súa aposta na construción dun Estado desde a esquerda, o líder abertzale reivindicou superar a definición tradicional do dereito á autodeterminación e salientou que non só as nacións teñen dereito a contar cun Estado, senón que todas as persoas teñen dereito a vivir nun Estado “decente” que satisfaga as necesidades básicas.

Tirando de ilusión e optimismo, Otegi corroborou as teses defendidas sete anos anos: que existen condicións para formar novos Estados con “medios democráticos e maiorías populares” (caso de Escocia e Catalunya), que era posíbel o paso dun confronto político-militar á creación de maiorías democráticas de esquerda (caso dos procesos latinoamericanos) e que en Euskal Herria existía un bloque popular á esquerda do PNV “capaz de disputar a hexemonía”.

"Non loitamos porque hai presos e presas, senón que hai presos e presas porque loitamos"

Lembrou ademais que “existía unha demanda de paz. Interpretamos ben a voz do pobo, trouxemos un anaco de paz”. Porén, subliñou que a paz completa “non está nas nosas mans”. Tamén aludiu aos presos e presas cando apuntou que “non loitamos porque hai presos e presas, senón que hai presos e presas porque loitamos”.

Participación galega

No acto de benvida a Otegi participaron membros do BNG e Anova. Por parte do BNG asistiron os membros da nova Executiva Nacional Bieito Lobeira, Rubén Cela e Noa Presas, cuxa fotografía con Otegi foi compartida nas redes sociais. Por parte de Anova asistiron os membros da comisión permanente Tania Bouzo e Dani Conde.

Comentarios