Colexios electorais

Os partidos a pé de urna

Cada domingo electoral milleiros de persoas colaboran coas formacións políticas dando presenza ás súas siglas nos colexios electorais como interventoras e apoderadas, co obxectivo de velar por un correcto funcionamento das votacións.

Urnas.
photo_camera Urnas [Imaxe: RTVE]

Detrás das siglas das candidaturas que concorren nos comicios electorais hai milleiros de persoas traballando e colaborando para levar a súa formación ás mellores posicións. As persoas interventoras e apoderadas son as que nunca faltan nos colexios electorais e, comprometidas cunha opción política, deciden empregar todo o domingo en poñer faciana aos seus partidos en cada barrio e parroquia, tendo como obxectivo colaborar para un correcto desenvolvemento da xornada electoral.

Sermos Galiza fala con interventoras e apoderadas de distintas formacións políticas que este domingo están nos colexios electorais a pé de urna.

Cristina Hermida leva sendo interventora do Bloque desde que en 1977 acudiu ao colexio polo BNPG

Cristina Hermida é funcionaria xubilada e militante do BNG en Vigo. Desde o ano 1977 non faltou a ningún domingo electoral como interventora das siglas nacionalistas. De feito, lembra aquelas primeiras eleccións que se realizaron no Estado, as xerais do 77, en que acudiu a unha pequena escola do centro de Vigo como interventora do Bloque Nacional Popular Galego. “Fora unha xornada moi emocionante porque era a primeira vez que se votaba e eramos todas as interventoras do Bloque xente moi nova”, afirma. Das primeiras eleccións tamén lembra que as interventoras e interventores de Alianza Popular tapaban as papeletas do BNPG, unha práctica que se voltou repetir nas últimas eleccións de abril de 2019 cos interventores de Vox, denuncia a nacionalista.

"Fora unha xornada moi emocionante porque era a primeira vez que se votaba e eramos todas as interventoras do Bloque xente moi nova”, sinala Cristina

“O papel das e dos interventores é dos máis importantes” salienta Cristina, xa que forman parte da mesa electoral, asinan actas e interveñen nas decisións xunto as presidencias de mesa e vogais. A diferenza coa figura do apoderado é que este non forma parte da mesa e por tanto “nin asina actas nin pode intervir nas decisións”.

Cristina agarda que este domingo Vigo “reflexione e decida que o BNG volva ter presenza no concello de Vigo”.

Alba García, interventora do PP: “En cada xornada electoral sempre aprendes cousas novas e levas aspectos positivos”

O papel da persoa interventora consiste en velar polo cumprimento da lei, controlar que o reconto de votos sexa correcto e dar parte de haber incidencias, sinala Alba García, interventora do PP en Ourense. É a segunda vez que esta moza traballadora do sector ambiental colabora nas urnas coa candidatura do alcalde popular de Ourense, Jesús Vázquez. Faino porque se sente comprometida cos valores que o Partido Popular transmite á cidadanía, e admite que á xente lle estraña que “tendo a miña idade e sen ser candidata estea representando un partido, mais eu dígolles que hai que ter unha motivación e un compromiso”, afirma Alba.

"Á xente estráñalle que tendo a miña idade e sen ser candidata estea representando un partido, mais eu dígolles que hai que ter unha motivación e un compromiso”, afirma Alba

Esta moza de trinta anos resalta que a participación como interventora tamén “é unha experiencia na vida, xa que en cada xornada electoral sempre aprendes cousas novas e levas aspectos positivos como é coñecer e intercambiar opinións con representantes doutros partidos e axudar a cidadanía”.

A raíz das anteriores eleccións nas que tamén estivo colaborando no colexio electoral, salienta o feito de que algunhas persoas chegaban ás urnas co sobre xa escollido, mais sen saber se as eleccións eran municipais, galegas ou estatais, polo que semella que hai bastantes persoas fieis a un partido alén dos comicios dos que se traten.

Alba agarda que o PP obteña bos resultados en Ourense e “poida continuar ofrecendo un programa acorde ás demandas da cidadanía, cunha política enfocada por e para a xente”.

Mari Paz Requeixo acode como interventora polas súas ideas socialistas e para colaborar co PSdeG

Mari Paz Requeixo é auxiliar de enfermaría en Monterroso. Considera tamén moi importante o papel activo e involucrado das persoas interventoras e apoderadas. No seu caso, leva participando como interventora catro veces baixo as mesmas siglas, as do PSdeG. Decidiu ir nun comezo polas súas ideas socialistas e por ser unha maneira activa de participar nas eleccións sen ir na candidatura. Á súa familia e amizades non lles estraña que pase os domingos das eleccións pegada ás urnas, “xa o teñen asumido”, afirma. Como anécdota resalta que en varias ocasións teñen atopado sobres con papeletas de todos os partidos e un chourizo.

Mari Paz agarda uns bos resultados para o PSdeG e que sexan unhas eleccións limpas e tranquilas

Mari Paz agarda uns bos resultados para o PSdeG, que sexan unhas eleccións limpas e tranquilas e que non pase “o que ten pasado outras veces, de que alguén vai buscar outra persoa para levala votar, ou que desaparezan papeletas”.

Saúl Sánchez, interventor de Compromiso por Galicia: “A xente estráñalle que vaias como interventor ou apoderado se non vas nas listas”

Saúl Sánchez Freire ten 24 anos e acudirá como interventor por Compromiso por Galicia en Samos, o seu concello natal. Estuda Ciencias Políticas na USC e Dereito pola UNED. Considera importante para as formacións políticas contar con presenza nos colexios de persoas interventoras e apoderadas para garantir que se cumpre a lei, que por exemplo nas cabinas non se oculten papeletas ou axudar a xente que lle toca estar nas mesas e visibilizar o partido nos colexios.

“A xente estráñalle que vaias como interventor ou apoderado se non vas nas listas, se es candidato veno máis normal”, sinala Sánchez

“A xente estráñalle que vaias como interventor ou apoderado se non vas nas listas, se es candidato veno máis normal”, sinala Sánchez que desta vez conforma a candidatura de CXG por Samos.

O seu desexo para este domingo é que en Samos haxa cambio de goberno e que Compromiso por Galicia sexa segunda forza.

Fran Prieto, interventor de Compostela Aberta: “Hai que estar pendente de que se contabilicen ben as papeletas e non se descarten como nulas aquelas que non o sexan e viceversa”

Fran Prieto é veciño de Santiago, desempregado na actualidade, é apoderado de Compostela Aberta. Leva arredor de vinte anos sendo apoderado de distintas formacións do ámbito da esquerda e en distintas localidades e procesos electorais. Milita en Esquerda Unida e aínda que vive en Santiago, é do Grove onde xa participou como apoderado. Na última convocatoria do 29 de abril representou no colexio a En Común Unidas Podemos.

A principal razón para Prieto acudir ao colexio é botar unha man e visibilizar a candidatura

A principal razón para Prieto acudir ao colexio é “botar unha man e visibilizar a candidatura”, pois considera importante axudar as persoas que acoden ao local electoral e as que compoñen as mesas, sobre todo nos momentos de maior afluencia. Salienta como anécdotas que ás veces as papeletas aparecen ocultas polas doutras formacións, e mesmo aparecen sobres con papeletas xa dentro.

Prieto considera que en Compostela van ser unhas eleccións moi desputadas e que unha marxe escasa de votos decidirá cuestións importantes na cidade, “polo que cobra máis importancia visibilizar a candidatura nos colexios e estar pendente de que se contabilicen ben as papeletas e non se descarten como nulas aquelas que non o sexan e viceversa, sobre todo tendo en conta que os resultados serán moi axustados”, sinala Prieto.

Comentarios