Os outros tres independentistas, tamén ao cárcere

Após tres días incomunicados, esgotando as 72h que fixa a lei, pasaron esta cuarta a disposición xudicial e a Audiencia Nacional decretou o seu ingreso nos penais españois de Soto del Real e Alcalá Meco. Denunciaron torturas psicolóxicas e ameazas a si propios e ás familias

Após decretar o ingreso en prisión de Carlos Calvo, o xuíz da Audiencia nacional española Pablo Ruz enviou tamén á cadea os outros tres mozos detidos na madrugada do domingo e vinculados á loita independentista, Xurxo R.O., Diego S.M. e Héctor M.G. Ficaron incomunicados desde a súa detención até esta cuarta, cando pasaron a disposición xudicial, e impútanselles os delitos de posesión de explosivos e pertenza a organización terrorista.

Segundo informa o colectivo antirrepresivo Ceivar, cuxos avogados estiveron presentes durante o interrogatorio, dous dos arrestados asinaron unha declaración autoinculpatoria poucas horas antes de pasaren a disposición xudicial, após seren sometidos a malos tratos psicolóxicos e ameazas a sí propios e ás súas familias. Pablo Ruz escoitou a denuncia dos presos --que negaron os delitos que se lle imputan, asumidos primeiro baixo tortura-- e mostrouse favorábel a iniciar unha investigación mais, segundo o testemuño achegado polos mozos, a policía española actuou sempre co rostro cuberto cun pasamontañas.

Para alén do ingreso en prisión, os tres presos --ao igual que Calvo, xornalista e membro do Consello de redacción do Novas da Galiza-- cumprirán condena en cárceres españolas. D.S.M. e H.M.G farano en Soto del Real e X.R.O. foi destinado a Alcalá Meco, pois non ten aínda 21 anos e o primeiro penal non dispón de módulo de menores. Por Soto del Real pasaron boa parte d@s pres@s polític@s galeg@s antes de seren distribuíd@s por todo o territorio español. No operativo policial desenvolvido na noite do domingo houbo unha quinta persoa detida, Miguel P.G., quen xa ese día ao serán quedou en liberdade e sen cargos.

Comentarios