Os aumentos de soldo de Mariano Rajoy son "por un traballo intenso"

A secretaria xeral do PP, María Dolores Cospedal, tentou xustificar os importantes aumentos percibidos por Rajoy cando o seu partido pedía austeridade.
María Dolores Cospedal

A difusión das contas públicas do PP entre os anos 2008 e 2011 descubriron que Mariano Rajoy, presidente do PP daquela e hoxe presidente do goberno español, tivo importantes aumentos de soldo na súa nómina no partido. María Dolores Cospedal, secretaria xeral do PP, xustificou ese aumento de soldo que Mariano Rajoy cobrou nos últimos anos por ser "pluses electorais". Para a número dous da formación dereitista trátase de "compensacións" por ser candidato en varias eleccións ao Congreso d@s Deputad@s. As subas mantivéronse malia os malos resultados de 2008 e as chamadas á austeridade realizadas desde o seu propio partido eses mesmos anos. 

A publicación das declaracións da renda de Mariano Rajoy evidenciaron unhas subas importantes, continuadas e moi por riba do IPC. O soldo percibido polo presidente do PP aumentou até nun 40% nos últimos seis anos, pasando de cobrar cobrar 143.000 euros a 200.000 no ano 2011. O maior aumento foi o do ano 2008, un 18%, que Cospedal explica como "un plus especial para aqueles que participan nas campañas, porque é un traballo moi intenso". Cospedal non entrou a valorar os malos resultados daquela campaña electoral e admitiu a "suba xeneralizada" do presidente do partido como algo habitual "durante moitos anos".

Os documentos que o PP fixo públicos poñen en evidencia que os aumentos de soldo nas nóminas chegaron a todo o partido. Cospedal non xustificou o 22% de suba xeneralizara no seu partido mais ca sinalando que Zapatero dicía, eses mesmos anos, "que non estabamos en crise".

Comentarios