A oposición pide gravar máis as grandes fortunas, entrementres o PP continúa blindando as SICAVs

Perante o actual contexto de crise e recesión económica, abordamos coas formacións políticas con representación parlamentar as cifras recollidas ao abeiro da listaxe feita pública pola revista Bloomberg. Malia contactarmos con todos os partidos, no Partido Popular non quixeron atender a nosa chamada nin achegaren as súas valoracións ao respecto.
Domingo Alberto Guzmán
photo_camera Ilustrador, Domingo Alberto Guzmán

A publicación da listaxe elaborada pola revista estadounidense Bloomberg, en que Amancio Ortega ocupa o terceiro posto entre as persoas máis ricas do mundo, espertou máis unha vez o debate arredor das grandes fortunas. Os subterfuxios empregados polo gran capital para evitar o pagamento de impostos, como os paraísos fiscais ou figuras financeiras como as SICAV, son duramente criticados polas maiorías sociais.

No último ano, o dono do imperio téxtil Inditex vén de incrementar o seu patrimonio persoal en 22.000 millóns de euros, nun contexto económico marcado pola recesión económica e as durísimas políticas de recortes auspiciadas pola suposta 'austeridade'. Desta maneira, Amancio Ortega convértese no multimillonario máis 'rendíbel' de 2012. No entanto, nomes como Bill Gates, Carlos Slim ou o magnate norteamericano Warren Buffet, amasaron nas súas contas un 15% máis que no exercicio anterior. Entrementres, os indicadores nacionais e internacionais, alertan acotío do preocupante aumento de persoas en risco de exclusión social

Aymerich (BNG): "A fortuna de Amancio Ortega pon de manifesto a verdadeira faciana da crise, onde os ricos son cada vez máis ricos e os pobres máis pobres"

Perante este contexto, quixemos abordar coas formacións políticas con representación parlamentar as desigualdades sociais xeradas pola crise e o posicionamento dos distintos grupos a respecto de figuras como as Sociedades de Investimento de Capital Variábel (SICAV), cuxa tributación se sitúa no 1%. En definitiva, inquerimos as forzas parlamentares sobre o modo en que deben contribuír os ricos -e moito máis, os multimillonarios- a unha saída socialmente xusta á crise. Malia contactarmos con todos os partidos, no Partido Popular -que esta semana deixou ben claro que non pensa gravar máis as SICAVs- non quixeron atender a nosa chamada nin achegaren as súas valoracións ao respecto.

"Os ricos, cada vez máis ricos"

O deputado nacionalista e voceiro do BNG en asuntos económicos, Carlos Aymerich advertiu que a fortuna amasada por Amancio Ortega --que ascende a perto de 60.000 millóns de dólares-- "pon de manifesto a verdadeira faciana da crise, onde os ricos son cada vez máis ricos e os pobres máis pobres". Así mesmo, subliñou que un bo exemplo disto "vímolo neste Nadal, especialmente duro". As imaxes, cada vez máis comúns, de persoas remexendo no lixo na procura de víveres, dan boa conta dunha realidade económica que non afecta tod@s por igual. Porén, no PSdeG, a súa portavoz en asuntos económicos, Carmen Gallego, asegurou "congratularse" de que as "empresas teñan beneficios", mais, acrecentou "deben tributar" de acordo cos rendementos obtidos.

Carmen Gallego (PSOE): "Congratúlanos que as empresas teñan beneficios mais deben tributar de acordo cos mesmos"

As grandes fortunas mundiais acrecentaron no último ano até un 15% o seu patrimonio, mais a tendencia "dos últimos trinta anos", asegura Antón Sánchez de AGE é a de "acumularen grandes masas de capital en detrimento das maiorías sociais", através da apropiación dos beneficios e de "ferramentas do sistema como a desregulación dos mercados e a explotación laboral". Os enormes rendementos obtidos dos investimentos do propio patrimonio permiten ás grandes fortunas xeraren maiores cantidades de diñeiro "e fronte a isto non hai un sistema tributario" que redistribúa a riqueza, asevera con rotundidade Carlos Aymerich.

As tres formacións concordan na necesidade de mudar a actual realidade tributaria a través da suba de impostos aos tramos de renda máis altos ou mesmo de se crearen outros novos que graven os grandes patrimonios, pois, "os impostos recaen máis sobre as rendas do traballo", acrecenta Sánchez, malia que estas son cada vez máis baixas. As sucesivas políticas de recortes e axustes están a provocar a queda do poder adquisitivo das maiorías sociais e da clase traballadora. Porén, os gobernos español e galego teiman no incremento dos impostos indirectos --que recaen de igual maneira sob os salarios de tod@s--. Desta maneira, a suba do IVE e o aumento desorbitado dos prezos de bens correntes como a luz, o gas, os carburantes ou o transporte están a supor graves consecuencias para as clases populares que, asemade, son as principais vítimas do desemprego.

Paraísos fiscais e SICAV, a evasión de impostos

"As empresas deben tributar de acordo cos beneficios obtidos e non aproveitar subterfuxios para pagar menos", asegura Carmen Gallego do PSdeG. Porén, "malia que en 2008 se falaba de re-fundar o capitalismo e establecer unha regulación máis dura, para evitar que as grandes fortunas evadan impostos, desde aquela mesmo aumentaron os paraísos fiscais", salienta Aymerich.

Sánchez (AGE): "Os impostos recaen sobre as rendas do traballo e non do capital"

Os donos dos grandes capitais mundiais posúen un completo arsenal de fórmulas hoxe en día para evitaren o pagamento tributario. Como acontece no caso de Amancio Ortega, as SICAV (Sociedades de Investimento de Capital Variábel), permítenlles pagar tan só un 1% en impostos, cantidade irrisoria se a compararmos coa presión fiscal que se exerce sobre calquera traballador/a ou pequena empresa. "Son verdadeiros paraísos fiscais. Unha ferramenta para o roubo", afirman no BNG e AGE. "Que traballador paga un 1% de IRPF?" pergúntase Aymerich, quen reitera con clareza: "Defendemos que se eliminen desde hai anos, mais o PP e o PSOE votan en contra".

Carmen Gallego denomina "inxustas" estas figuras financeiras creadas para a evasión impositiva; porén, no BNG teñen claro que "hai un gran consenso entre PP e PSOE para non gravar o gran capital". Aliás, a deputada socialista asegura que a súa formación defende un outro modelo tributario en que se graven "os tramos máis altos do IRPF" e se creen novos impostos "para as áreas comerciais", cuestión esta última partillada polo deputado de AGE, Antón Sánchez. Neste senso, Sánchez defende ademáis que as empresas enerxéticas e a industria sexa tamén gravada cunha taxa maior. Malia todo, di, "dentro de Galiza as competencias non permiten unha reforma fiscal progresiva, mais si a nivel estatal e europeo".

Comentarios