Orozco renuncia á súa acta de concelleiro

O candidato do PSOE en Lugo anunciou a súa marcha como lle reclamaban BNG e Lugo Novo.

O ex alcalde de Lugo, Xosé López Orozco (Foto: Nós Diario).
photo_camera López Orozco

En comparecencia de imprensa José Clemento López Orozco anunciou que renuncia á súa acta como concelleiro en Lugo para posibilitar un acordo de esquerdas de cara á sesión de investidura do 13 de xuño. 

Todo apunta a que será Lara Méndez, número dous, a que asuma o lugar de Orozoco e se candidate á alcaldía.

A saída de Orozco fora demandada por BNG e Lugo Novo como condición para iniciar as negociacións. Do contrario, a listaxe máis votada, encabezada por Jaime Castiñeira (PP), faríase co goberno local. 

O que foi alcalde durante 16 anos da cidade amurallada asegurou perante os medios de comunicación que a decisión foi "estritamente persoal", porén, produciuse un día despois do encontro que mantiveron el e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro. 

"Haberá alcaldesa", sentenciou, segundo recolle o xornal local El Progreso

O PP fala de "fraude aos lucenses"

O cabeza de lista e deputado no Parlamento de Galiza, Jaime Castiñeira (PP) asegurou que a renuncia de Orozco constitúe unha "fraude aos lucenses" ao entender que o socialista se presentou ás eleccións "sabendo que non ía ser alcalde". 

O que até onte se perfilaba como futuro alcalde da cidade amurallada, ao pertencer á lista máis votada, afirmou que "os lucenses non entenderán que unha persoa que se negou a demitir cando estouraron os casos de corrupción" abandone "agora" o concello. 

BNG e Lugo Novo abertos ao diálogo

Desde o Bloque e Lugo Novo amosaron a súa disposición de negociar após a renuncia de Orozco en aras de posibilitar un "goberno de progreso". A partir deste momento iniciase un proceso de diálogo nas asembleas de cada formación e tamén entre estas para resolver o que acontecerá o sábado na sesión de investidura e tamén a partir dese momento. 

Comentarios