Oriol Junqueras, en Galiza: "Non lle pedimos a ninguén que sexa independentista, mais si demócrata"

Os últimos inquéritos mostran Esquerra Republicana como un partido á alza, superando mesmo en intención de voto directa a CiU, o que nunca aconteceu antes. Oriol Junqueras, o seu presidente, estivo esta fin de semana en Galiza, convidado polo BNG. Sermos Galiza conversou con el sobre o proceso soberanista que vive Catalunya.
Oriol Junqueras, president de ERC
photo_camera Oriol Junqueras, president de ERC

Con voz firme e coa calma que o caracteriza, Oriol Junqueras recíbenos após a súa intervención no acto organizado polo Bloque Nacionalista Galego a prol do dereito de autodeterminación dos pobos. Presidente de Esquerra, alcalde e deputado no Parlament, posúee unha grande capacidade oratoria e unha tranquilidade contaxiosa. Sermos Galiza conversou con el nunha entrevista en que avaliou algunhas das cuestións que afronta Catalunya após a Declaración de Soberanía proclamada o pasado 23 de xaneiro. Analisou para nós a actitude do Goberno español de Mariano Rajoy perante o clamor popular dun pobo, o catalán, que se suma aos procesos soberanistas iniciados en Europa.

Escocia, Catalunya, Frandes, Euskal Herria... percorre Europa unha pantasma chamada soberanismo?
A grande transformación europea do último século e medio foi, sobre todo, a creación de Estados, un proceso a través do cal as nacións se converten en Estados. Máis da metade dos Estados que conforman hoxe a UE obtiveron a súa independencia ao longo do século XX, algo que reflicte un proceso longo, habitual, normal ao que nós procuramos sumarnos en tanto que realidade democrática.

Catalunya deu un grande paso desde o 11 de setembro até o 23 de xaneiro. Como valora o camiño percorrido, mais tamén o que aínda fica por andar?
Valorámolo como a demostración de que a cidadanía é capaz de influír na política non só a través das eleccións senón tamén doutros mecanismos de participación e de compromiso --neste caso cunha manifestación masiva que concentrou a perto de 2 millóns de persoas nas rúas de Barcelona. A Diada contribuíu para acelerar o curso da historia. Veremos a posteriori con maior exactitude a que ritmo transcorre todo, a onde chegamos... Porén, o que si temos claro é que queremos chegar á independencia do noso país e que a cidadanía de Catalunya poida decidir o seu futuro. Logo, as e os cataláns determinarán se queren ser independentes ou non o queren ser. Mais hai un primeiro paso que é incuestionábel e é que nós non lle pedimos a ninguén que sexa independentista, mais si demócrata e dea a oportunidade aos cidadáns de votar. Nós faremos o posíbel para que cando a cidadania teña a posibilidade de votar, voten independencia, pois é o que nós queremos gañar.

"A Diada contribuíu para acelerar o curso da historia. Veremos a que ritmo e a onde chegamos"

O Scottish National Party conseguiu que o primeiro ministro británico asinase un documento en que se compromete o Reino Unido a aceptar o resultado --libre e democrático-- do referendo que terá lugar en 2014. Catalunya pode agardar iso do Estado español?
A miúdo pregúntannos se Catalunya e Escocia se parecen e nós sempre respondemos que o que é seguro é que España e o Reino Unido non se parecen en nada, pois o Reino Unido respecta e acepta a democracia e o Reino de España négase mesmo a aceptar unha decisión democrática dos cidadáns a través dun referendo. Neste senso, estamos convencidos de que o Estado español porá todas as trabas que poida, mais nós tamén faremos todo o posíbel para podermos votar e estamos certos de que o conseguiremos a través dun mecanismo ou doutro, e que toda a cidadanía catalá poderá expresar a súa opinión á fin de dirixírmonos á comunidade internacional cun mandato democrático claro do noso Parlament e dos nosos cidadáns.

" O Reino de España négase a aceptar unha decisión democrática dos cidadáns a través dun referendo"

Esta sexta feira un diario español publicaba unha entrevista con vostede en que aseguraba que o mellor que podía pasarlle ao Estado español era a independencia de Catalunya. Que pode ensinar o pobo catalán ao Reino de España?
O Estado español está nunha situación moi complexa. Encabeza o índice da miseria na UE, ten o récord de expedientes abertos por vulnerar as directivas europeas, ten o récord de sancións por violacións medioambientais, constitúe o Estado que máis veces suspendeu pagamentos na historia... Fica en evidencia que está nunha situación terríbel, en boa medida, por decisións políticas equivocadas dos seus gobernos --do PSOE e do PP. En xeral, no Estado español adóptanse decisións económicas en función de criterios partidistas a favor dos intereses das dúas grandes formacións políticas que sacrifican o conxunto da economía en beneficio propio. Neste senso o mellor que lle pode pasar ao Estado español é a independencia de Catalunya porque desta maneira, moitas desas decisións egoístas que adoptan os grandes partidos españois terían que rematar. É evidente, aliás, que unha Catalunya independente sería moito máis próspera e poderia atraer ao conxunto da economía da Península. A todos nos convén ter veciños aos que as cousas lles vaian ben. Estamos certos de que é bon que todos teñamos unha maior prosperidade e xustiza porque, ao fin e ao cabo, iso remata por reverter en beneficio de todos.

Comentarios