Oriana Méndez, nova secretaria xeral da FPG: "A nosa aposta pola fronte popular era e é honesta"

'A alternativa comunista' foi o lema co que este domingo decorreu na cidade olívica o IX Congreso da Frente Popular Galega (FPG), no que foi electa como nova secretaria xeral a poeta e concelleira de Marea de Vigo, Oriana Méndez (Vigo, 1984). Con ela conversamos sobre as chaves do conclave e o futuro da formación que agora dirixe. 
O congreso da FPG elixiu Oriana Méndez para a Secretaría Xeral.
photo_camera O congreso da FPG elixiu Oriana Méndez para a Secretaría Xeral. (Foto: Nós Diario)

—Que supón esta novena cita congresual para a FPG?
Este novo congreso é fundamental para nós, tanto como partido como, loxicamente, para o que nos importa, que é o pobo galego e as clases traballadoras. Estamos nun momento de crise importante e moi particular, con características propias por mor da pandemia, o que presenta unha situación que nunca antes vivíramos e que implica consecuencias que tampouco vimos do mesmo modo coas anteriores crises. E, ademais, á clase traballadora tamén se lle suma unha sorte de crise de inicios do século XXI da que aínda no demos saído. 

De maneira que estamos nun momento moi importante para aquelas que consideramos que organizarnos é necesario. De feito, aproxímanse retos que serán fundamentais para os próximos anos e en concreto para nós, que seguimos apostando na nosa liña histórica, que é a construción dunha Galiza ceibe e socialista mediante a práctica da unidade popular e a acumulación de forzas para  a transformación social. 

Loxicamente teremos que analizar en que se concreta isto no momento actual, porque os últimos resultados electorais fan que teñamos que repensar democraticamente en que se declina hoxe a nosa aposta pola fronte e a unidade popular. Ese é o principal reto quen ten hoxe a FPG. 

—Nese sentido realizaron unha crítica a como se xestionou a confluencia con Podemos e Esquerda Unida. Na información que subiron ás redes sobre o seu congreso sinalan que "as derivas oportunistas e burocráticas supuxeron a perda de confianza do pobo galego na súa última conformación electoral, tal e como se verificou nas eleccións do 12 de xullo de 2020". Que considera que fallou na confluencia?
Non é que fagamos unha crítica... Fallaron moitas cousas e os erros son compartidos. Cando se produce unha hecatombe do proxecto electoral como se produciu as responsabilidades son repartidas, e van mais alá do que corresponde estritamente aos partidos. 

Asumo que puidemos cometer erros, pero a nosa aposta pola unidade e a fronte popular en termos actuais era e é honesta. Seguiremos a tentar dilucidar, axudándonos dos debates con axentes externos e con alianzas coas forzas coas que se poidan compartir puntos de vista tácticos ou estratéxicos. Sempre co obxectivo de lograr solucións beneficiosas para as clases traballadoras deste país. 

—Vai a FPG levar a unidade popular cos mesmos actores que até o de agora (Esquerda Unida e Podemos) ou haberá apertura desa unidade cara ao BNG?
Na nosa liña histórica figura estarmos dispostos a abordar a ampliación da unidade popular e, tendo en conta que non incluía ese espectro do nacionalismo, o que estou querendo dicir é que si estamos dispostos a que se poida incluír. Por descontado. 
En nós sempre está a vontade de diálogo e de podermos chegar a acordos que sexan beneficiosos para as clases traballadoras e a emancipación do pobo galego. As portas non as fechamos. 

—Renovan o seu compromiso con Anova?
Anova é o primeiro chanzo, a primeira das matrioshkas, dos espazos amplos en que participamos. O compromiso con Anova e a lealdade con ela están aí de modo intacto. Tamén o compromiso con darmos os debates para que Anova, como organización, tamén tome as súas decisións. 

Despois da tempestade

Este xornal informaba na primavera dun risco de ruptura no seo da FPG e que podería estalar, segundo sinalaban militantes de base, no congreso previsto para 30 de maio. As teses da dirección contaban con longas emendas dun grupo de militantes moito máis críticos que os textos oficiais con como derivou a confluencia e apostaban pola superación de Anova. No congreso de maio non se chegou a escoller nova dirección e non foi até este domingo cando se realizou a votación. Oriana Méndez insiste en que as teses e as emendas non diferían das bases estratéxicas do partido.

"Os textos aprobáronse en maio, o que se dilatou foi a votación da lista, en aras de favorecer esa unidade que conseguimos", di. De feito sinala que persoas redactoras desas emendas están presentes na nova dirección. Quen non continúa no central é o histórico Xosé Luis Méndez Ferrín, pai de Oriana Méndez, mais pode acudir ao organismo grazas á Presidencia simbólica do partido que ostenta. 

Comentarios