Organizacións sindicais, xuvenís e políticas asinan un manifesto unitario polo Día da Patria

Reclaman "colectivamente" o dereito dos pobos a viviren en liberdade, comezando polo galego.

manifestación, bandeira, soberanía

Agir, BNG, Briga, Causa Galiza, Ceivar, Central Obreira Galega, Comités, CIG, Fruga, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Nós-UP e o PCPG asinaron este 22 de xullo un manifesto unitario con motivo da celebración do Día da Patria Galega. 

O texto revisa a actual situación política, económica e social que atinxe Galiza e que para as organizacións sindicais, políticas e xuvenís asinantes devén da "carencia de soberanía". Neste senso, amosan a súa vontade colectiva por "recuperar os dereitos nacionais perdidos" e camiñar cara á "proclamación da República de Galiza" como "única forma para sentar as bases dun verdadeiro desenvolvemento económico e social, de creación de emprego, da recuperación dos dereitos sociais e da calidade de vida do pobo galego". 

Defenden a soberanía como "única forma para sentar as bases dun verdadeiro desenvolvemento económico e social"

As organizacións que asinan o texto ven na Galiza "unha nación oprimida polo Estado español" e nese contexto, din, "radican a inmensa maioría dos graves problemas" que atinxen o país. Ao "atraso secular que arrastramos", subliñan, engádense "a dominación política e a asimilación cultural" española. Un feito que, acrecentan, "que conculca os máis elementares dereitos colectivos dunha nación como Galiza" a comezar pola imposibilidade de exercer o dereito de autodeterminación "recollido en todos os tratados e protocolos internacionais", explican. 

Soberanía para decidir 

Así mesmo, apuntan "a crise económica está a ser a coartada empregada polo Goberno español para aplicar toda unha serie de políticas neoliberais ditadas desde a Troika" que supoñen, din, a ruina das clases populares e do conxunto do pobo galego.

"A crise económica está a ser a coartada empregada polo Goberno español para aplicar toda unha serie de políticas neoliberais"

Neste senso, afirman que "a situación económica e social" sería "outra se posuírmos un sistema financeiro propio, se tivermos capacidade para decidir directamente as políticas agrarias, pesqueiras ou as que teñen a ver coas potencialidades da nosa industria naval, se dispormos de capacidade para decidir a ordenación do noso territorio, e se acreditarmos na nosa lingua e cultura como xenuína expresión da nosa maneira de tripar a terra". 

Destarte, as organizacións asinantes lanzan un chamamento "a secundar activamente todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nas vindeiras semanas", a "pendurar nas varandas, xanelas, fachadas de casas e vivendas" a bandeira de Galiza e a reclamar "colectivamente" o dereito dos pobos "a viviren en liberdade, con base nos principios básicos de autodeterminación e de xustiza". 

Comentarios