Opositoras á Xunta denuncian “trato de favor” ao persoal interino

As aspirantes a un posto na Administración Pública denuncian que a convocatoria fusiona o proceso de consolidación e estabilización de emprego e o de libre concorrencia. Sinalan que se modificou o temario e que a única formación que se valora na fase de concurso é a impartida pola Escola Galega da Administración Pública, á que as opositoras de libre concorrencia non teñen acceso.

Recollida de sinaturas e creación dunha plataforma en redes sociais. As opositoras ás prazas na Administración Pública que convoca a Xunta de Galiza estanse organizando. A publicación do borrador da vindeira convocatoria desatou as súas críticas, protagonizada polo “trato de favor” da Xunta ao seu persoal interino. E é que as prazas de libre concorrencia fusiónanse coas de estabilización e consolidación de emprego do persoal interino nun único proceso de concurso-oposición.

Pablo Ferreira, opositor, sinala que o borrador foi “unha xerra de auga fría para todo opositor sen antigüidade na Xunta”. “É sorprendente este cambio posto que non se anticipou na publicación das Ofertas de Emprego Público. Era de esperar que os procesos se levaran a cabo por procedementos separados, oposición libre para as prazas ofertadas de acceso libre, e concurso-oposición as de estabilización. Deste xeito, cada grupo de aspirantes compite entre si en condicións de igualdade”, incide.

Que a Administración xunte os procesos non nos parece adecuado, afirma Burgos, de CIG-Ensino

Zeltia Burgos, representante da CIG-Administración, comprende a postura das opositoras. “Quen leve dous anos preparando unha oposición comprobe que mudan os criterios tense que sentir lesionado”. O sindicato acusa a Xunta de proceder de “mala fe”, elaborando unha convocatoria sen negociar cos sindicatos. “Nós negámonos a participar deste proceso”, expón Burgos.

“Mais si defendemos o concurso-oposición, pois levamos dez anos cunhas taxas de reposición raquíticas que derivaron en cifras de temporalidade moi altas en determinadas escalas de emprego, 30% nalgunhas. Con todo, que a Administración xunte os procesos non nos parece adecuado, unha cousa é a consolidación de emprego e outra cousa é o libre acceso”, afirma a responsábel da CIG.

Diferencias salientábeis

Cales son as condicións na actualidade? “A Xunta modifica a convocatoria respecto á de anos anteriores. Redúcese o temario, eliminando no subgrupo C2, por exemplo, o referido á Lei de Contratos ou o Estatuto Básico do Empregado Público, e os descontos por preguntas falladas”, di Ferreira. Antonio Estévez, director do Centro Galego de Estudos Infórmate, no que forman a aspirantes a un emprego público, explica que nas aulas incídese moito na Lei de Contratos. “É un dos temas estrela das oposicións, tamén o máis complexo”, di.

Elisabeth Martínez, opositora, critica que na fase de concurso non se valora a experiencia de traballo fóra da Administración Pública. “O concurso-oposición é legal, claro, pero tamén hai que ter en conta o principio de igualdade. Eu teño dez anos de experiencia como administrativa, relacionada directamente co posto ao que aspiro e que non computan para os méritos”, lamenta.

O concurso-oposición é legal, claro, pero tamén hai que ter en conta o principio de igualdade, di Martínez

Tampouco se recoñece a formación das opositoras. “Os cursos que temos realizado, impartidos por empresas e homologados pola Xunta, tampouco se recoñecen. Só aqueles impartidos pola Escola Galega da Administración Pública, á que as persoas que non somos interinas non temos acceso!”, denuncia a tamén opositora Cristina Domingo.

Martínez destaca que o presidente dun dos sindicatos de interinos (o CSIF), Pablo Landeira, defendeu nun medio o concurso-oposición. “Di que durante anos non se convocaron procesos de consolidación de praza, pero iso non é culpa nosa. E que os interinos son persoas maiores, que traballan e non teñen tempo nin forzas para estudar. Eu teño máis de cincuenta anos, son empregada nunha fábrica de conservas e a miña cabeza rende ao cento por cento!”, afirma.

“O nivel das aspirantes por libre concorrencia é moi alto. O colectivo de interinos non quere ter que competir con xente tan preparada”, valora Antonio Estévez.

Procesos separados

Non pedimos que deixen de convocar prazas para o colectivo de interinos, o que reclamamos é igualdade e que reserven prazas tamén para as persoas en libre concorrencia”, reclama Cristina Domingo. “Non é xusto que a xente que nunca traballara na Xunta teña que competir en desvantaxe. Estannos pedindo que marchemos fóra.”, salienta.

Non é xusto que a xente que nunca traballara na Xunta teña que competir en desvantaxe, salienta Domingo

“O documento publicado é un borrador, pero igualmente é preocupante. Hai que exercer presión para que as convocatorias sexan separadas. A nivel político estamos a falar dun problema de calado. Moitas das persoas que opositan son novas, e de seguir o proceso así terán que marchar fóra, opositar en Administracións, como a andaluza, cuxas convocatorias non as prexudican”, conclúe Antonio Estévez.

Comentarios