COINCIDEN NO BALANCE DA DESFEITA QUE DEIXA AO SEU PASO

A oposición dá por feito que este é o último debate da nación de Feijóo

Se algo tiveron en común as intervencións dos representantes políticos da oposición na quenda da tarde foi dar por suposto que o que está tendo lugar será o derradeiro debate do estado da nación de Feijóo como presidente.

[Imaxe: Feijóo]
photo_camera [Imaxe: Lavandeira] Feijóo

Ás 16h, co Grupo Mixto, formado por Carmen Iglesias e Chelo Martínez, comezaba a quenda de intervencións da oposición, que se afanou en denunciar os recortes sociais, nomeadamente na sanidade, e a corrupción entre as filas do PP. O PP “converteuse no mellor cliente” dos despachos de avogados, espetáballe a Martínez ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A representante de Cerna aproveitaba o seu discurso para reivindicar “a unión da esquerda” para derrotar o PP. “Os intereses partidarios non poden imposibilitar a unidade de acción”, sinalaba, pois non contempla que Galiza “perdese a oportunidade” de defender os seus intereses.

Jorquera: Váiase Sr. Feijóo!

Tras o Grupo Mixto, tomaba a palabra o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, quen salientaba que “o mellor servizo” que lle pode prestar a Galiza é “irse, danos igual se para a súa casa ou para Madrid”. “Non ten outro horizonte que salvarse a si mesmo mentres se derruba este país”, sinaloulle, para rematar parafraseando Aznar: “váiase señor Feijóo, váiase!”.

Na súa intervención, Jorquera aludiu ás mudanzas no Goberno da Xunta, “non hai remodelación que o salve” e salientou que nos atopamos diante “da agonía dun goberno”. Afirmou que non foi el quen destituíu a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, senón o pobo. Da retirada das competencias de medio rural a Rosa Quintana sinalou que foi obra dos gandeiros e das gandeiras”.

O portavoz parlamentar do BNG, que tirou de numerosas cifras como radiografía do estado que sofre Galiza, fixo un repaso ás políticas “que marxinan o país”. Citou, entre outros, o sector leiteiro, o pesqueiro ou o das enerxías renovábeis. Non esqueceu a tan reclamaba comisión de investigación do accidente do Alvia en Angrois, así como a transferencia das competencias da AP9 para Galiza.

O parlamentar nacionalista fixo fincapé na necesidade do dereito a decidir, pois o das autonomías, dixo, é “un modelo falido”. Así, reivindicou sermos protagonistas da historia desde a liberdade e a soberanía.

Beiras cita os 7 + 1 pecados capitais de Feijóo

O portavoz do Grupo Parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, comezou a súa intervencións subscribindo as palabras de Jorquera. Acusou a Feijóo de espoliar o país e de pasar de acometer unha brigada de demolición a unha “estratexia de exterminio” de Galiza. A continuación, citou os “sete pecados capitais” do presidente da Xunta: materias primas, formación de capital, forza do traballo, potencial demográfico, creación técnica e científica, patrimonio cultural e patrimonio natural e medioambiental”. Sumoulle, como oitavo, o feminicidio.

Tamén aludiu ás próximas eleccións xerais cando chamou a dar por rematado este ciclo político. Así, sinalou que o reto pasa por “derrotar a oligarquía” na cita electoral. Para facelo, apuntou como o primeiro requirimento é que o pobo galego irrompa como suxeito político propio nese combate a favor da rexeneración democrática da sociedade”.

Méndez Romeu: “É irrelevante que quede ou marche, rematou o seu tempo”

Pola outra banda, o portavoz do Grupo Parlamentar do PSOE, José Luis Méndez Romeu, acusou a Feijóo de ser “o presidente do paro” e de ter perdida a súa credibilidade. “Demasiadas promesas incumpridas”, advertiu, para numerar algunha delas. “Tendo a maioría absoluta en case todas as institucións do Estado e de Galiza, decidiron escoitar pouco e mandar moito”, afirmou.

Méndez Romeu acusou o PSOE de provocar unha fenda entre “unha minoría beneficiada e unha maioría prexudicada”. “Empobreceron as clases medias por primeira vez na historia moderna”, denunciou, para engadir que “moitos galegos viven hoxe peor que os seus pais sabendo que os seus fillos poderán empeorar, con salarios insuficientes, traballo precario, con pensións en risco e prestacións sociais minguantes”.

O portavoz do PSOE pediu “outra política” para Galiza. “Hoxe quedou demostrado que con vostede nin foi nin será posíbel. É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar”.
 

Comentarios