Parlamento

A oposición únese para reclamar un plan de retirada do asbesto á Xunta

O Grupo Común da Esquerda reclamaba un mapa dinámico para localizar as infraestruturas onde se atopa este material canceríxeno.
A deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla na Comisión de Sanidade do Parlamento (Nós Diario)
photo_camera A deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla na Comisión de Sanidade do Parlamento (Nós Diario)

Os grupos da oposición na Cámara da Galiza coincidiron onte en demandar actuación e planificación da retirada do amianto ou asbesto das infraestruturas públicas e privadas do país. A iniciativa, que non superou o trámite parlamentario polos votos en contra do grupo maioritario, o Partido Popular, foi defendida pola deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla, que reclamara a elaboración dun "mapa dinámico" en colaboración coas Administracións locais e particulares para coñecer onde está presente este material. "Está presente en moitos puntos e non podemos facer unha foto fixa. Ten que ser dinámico porque pode seguir aparecendo", explicou.

Solla resaltou, e con ela coincidiron PSdeG, BNG e Grupo Mixto, que é necesaria unha "planificación, localización e posterior retirada" do amianto que aínda está presente en moitas construcións do rural, pero tamén das cidades galegas.

Así mesmo, a proposta contaba coa petición de que se estude unha liña de axudas para a retirada do amianto das vivendas privadas. "A retirada pode ser difícil de asumir porque o gasto é elevado, ademais da substitución. A consecuencia é que moitas veces non se retira e segue presente, ou noutras ocasións tírase en vertedoiros ilegais", sostivo a deputada.

Solla defendeu que se trata dun problema de saúde pública, pois "os expertos en saúde pública entendían que era perigoso cando rompía, pero hoxe xa se sabe que coa súa degradación as fibras despréndense e pasan ao medio ambiente". Mais no debate na Comisión de Sanidade do Parlamento o deputado popular Aurelio Alfonso Núñez Centeno puxo en dúbida este tese e sinalou que "coa existencia do amianto por si só non  se produce unha liberación suficiente para causar un problema". Unha tese rexeitada polo resto dos grupos e impugnada pola deputada do BNG Montse Prado, quen salientou que segundo a Organización Mundial da Saúde "pode haber 80.000 persoas afectadas nas próximas décadas" a causa da inhalación do amianto.

Por outra banda, o parlamentario do PP indicou que a retirada do amianto é "unha cuestión difícil de asumir economicamente non só por Galiza, senón por todas as Comunidades Autónomas". Un argumento que non entenderon como impedimento o resto de grupos.

Comentarios