A oposición solicita un pleno extraordinario en Baralla para pedir a demisión do alcalde

BNG e PSdeG exixirán a demisión de Manuel González Capón polas súas declaracións en que xustificou as condenas a morte no franquismo. "Os que foron condenados a morte será porque o merecían" afirmou o alcade do PP

González Capón e Rajoy
photo_camera González Capón acompañado de Rajoy

"É inadmisíbel que o PP non teña obrigado a dimitir a González Capón". Afirmou o voceiro do BNG en Baralla, Xosé Manuel Becerra. E é que o partido ao que pertence o alcalde desta localidade luguesa segue sen condenar as afirmacións deitadas polo rexedor. Neste senso, o Bloque e PSdeG solicitaron a celebración dun pleno extraordinario cun único punto na orde do día no que exixirán a saída de González Capón da corporación municipal. 

O PP non condenou as afirmacións do alcalde de Baralla

As declaracións do popular "degradan as vítimas do franquismo en particular e a calquera demócrata en xeral", apuntan desde o PSdeG de Baralla e "defenden un réxime totalitario" acrecentan desde o BNG. 

Ambas as dúas formacións entenden que Manuel González non pode continuar á fronte da equipa de goberno e promoverán a súa demisión pois as súas afirmacións, aseguran, "non son unha mera saída de ton" froito dun "debate desmadrado" --como afirmou poucos días despois o propio alcalde-- senón que supoñen unha "atrocidade". 

Promoverán a destitución de González Capón como rexedor e deputado provincial

Desde o BNG anuncian que levarán a todos "os plenos municipais da provincia" unha moción a prol da destitución do alcalde González Capón, que ocupa tamén un escano na Deputación de Lugo. Para @s nacionalistas as afirmacións do popular "constitúen un ataque a todas as vítimas do franquismo, que só na nosa provincia superan as 3.000 persoas, así como ás súas familias"

Comentarios