A oposición sácalle as cores á Xunta pola súa política anti-incendios

Máis de 1.800 hectáreas calcinas en Galiza en apenas catro días. Críticas á falla de planificación, estratexia e medios do goberno. 

[Imaxe: @BrifLaza] Incendio
photo_camera [Imaxe: @BrifLaza] Incendio

En apenas catro días arderon en Galiza máis de 1.800 hectáreas e volveron a se evidenciar eivas e erros na política de loita contra os incendios. Desde a falla de persoal e material até a tardanza en intervir [denunciada polo alcalde de Verín, onde decorreu o peor lume no que vai de ano]. A isto engádense os reproches pola ausencia de compromiso para apostar na prevención ou polo ermo que hai nas políticas para reverter o abandono no rural.

A oposición volveu instar a Xunta esta segunda feira a que abra os ollos e comprobe que hai algo que non vai ben na súa política forestal. En Marea ve necesario un cambio de modelo na actual política forestal, que non é quen de poñer fin aos incendios que ano tras ano afectan Galiza. Patricia Vilán (PSdeG) critica que desde a administración galega a súa política contra os lumes se base en deixalo todo en mans “da natureza”, en confiar en que a climatoloxía non sexa adversa. Para a socialista, para alén de non haber o mínimo interese na prevención, o goberno de Feijóo ten montado un “chiringuito” en torno aos incendios que non lle interesa tocar.

Luís Bará (BNG) lembrou que os nacionalistas levaban tempo advertindo da necesidade de máis medios e persoal para loitar contra os incendios, Criticou que o executivo de Núñez Feijóo non teña medidas e accións para evitar o abandono do monte e do rural e lamentou que se intente tapar co recurso á culpabilidade dos incendiarios a responsabilidade da administración.

A estatística que elabora cada ano o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente reflicte a traxedia que para Galiza veñen supoñendo os lumes no último medio século. Así, hoxe sábese que desde o ano 1968 ardeu unha superficie equivalente a 55% do país, isto é, 1,6 millóns de hectáreas das 2,9 millóns que conforman o territorio galego. As cifras son estarrecedoras. Ben é certo que na última década os efectos dos incendios se reduciron sensibelmente, mais, con todo, Galiza segue a liderar este dramático ranking.

Comentarios