A oposición rexeita "o falso aforro" do PP no recorte de escanos e denuncia a súa "deriva ao autoritarismo"

Entre os escándalos polo caso Bárcenas e a Operación Pokemon, BNG, AGE e PSdeG rexeitan o discurso da austeridade co que o PP defende a redución do número de deputad@s. O grupo maioritario levará ao pleno a súa proposta a vindeira semana e defende a súa aprobación unilateralmente. 

parlamento
photo_camera [Imaxe: AGE]

Será na vindeira sesión plenaria. O grupo parlamentar do Partido Popular dará luz verde á reforma electoral presentada o 23 de decembro de 2013 e reducirá a 61 o número de escanos da Cámara. Após dous anos, a forza maioritaria reducirá en 14 o número de parlamentares e mudará o Regulamento do poder lexislativo. 

Desde que anunciou a medida na pasada lexislatura, @s populares defenderon a súa proposta --cuxo contido se coñeceu en decembro-- argüíndo que se trata dun "mandato electoral" refrendado pola cidadanía nas urnas, a mesma que, din, urxe "menos políticos" e institucións "máis eficientes con menos" diñeiro --como asegurou a voceira do PP, Paula Prado.

Pola contra, as forzas da oposición ven na proposta unha estratexia do PP para "conservar a maioría", acusan o partido maioritario de "mudar as regras de xogo" de maneira unilateral e critican o discurso da austeridade do goberno galego apelando aos casos de corrupción e financiamento ilegal que salfiren o Partido Popular en Galiza e Madrid. 

A "coartada" do aforro

"Rexeitamos o argumento falso do 'aforro' como coartada", espetou o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, á saída da Xunta de Portavoces esta terza feira. E é que as alternativas presentadas polo BNG e PSdeG recollen unha redución orzamentaria próxima aos 1,2 millóns de euros previstos pol@s populares, mais sen tocar a representatividade. 

Nas présas e na teimosía do partido que apoia o goberno, socialistas e nacionalistas ven un interese electoral e negan a maior no discurso dun aforro que podería obterse reducindo a duración da campaña electoral, suprimindo o mailing ou mesmo aplicando unha redución nos salarios d@s parlamentares que poderían negociar. 

O propio presidente da Xunta de Galiza afirmaba hai uns meses que a medida non procuraba un grande aforro --que cifrou en pouco máis dun millón de euros en catro anos-- mais que en troca pretende aplicar no poder executivo os "esforzos" económicos que se lle están a exixir á cidadanía. Paula Prado completaba a resposta asegurando que @s cidadás querían Parlamentos "con menos políticos". 

O PP desoe as alternativas da oposición

No entanto, as demandas populares o que instan é a unha maior representatividade nas institucións, novas canles de participación cidadá e unha democracia "directa" na liña da proposta presentada polo grupo parlamentar do BNG. @s nacionalistas rexistraron na Cámara unha reforma electoral que visa "dotar de maior proporcionalidade a un sistema no que se aprecian evidentes distorsións", sinalan. Así, e co obxecto de se aproximaren "ao resultado de que Galiza for unha circunscrición única" propoñen "eliminar os limiares mínimos para acceder á repartición de escanos" e a aplicación dunha fórmula directa para a conversión dos votos en escanos. 

O Partido Popular coida que esta idea, e as achegadas polo PSdeG a prol dunha "rexeneración democrática" --redución a barreira electoral ao 3% e re-pensar as circunscricións provinciais cara á outras máis pequenas-- son excesivamente "heteroxéneas", polo que declinaron encetar unha comisión de estudo na que analisar e debater unha reforma electoral de consenso. Segundo Pedro Puy, esta medida supón unha "manobra de distracción" da "esquerda" que, di, "quere gañar tempo", polo que adiantou que o seu grupo dará luz verde ao recorte do poder lexislativo nunha semana. 

Comentarios