Nin unha palabra sobre a Operación Zeta, Pokemon, Orquestra, Campión ou a trama galega da Gürtel. A comparecencia de Núñez Feijóo esta terza feira no pleno extraordinario do Parlamento galego para falar sobre a corrupción deixou o anuncio de 5 leis e 50 medidas a aprobar nos vindeiros meses para combater un fenómeno “focalizado” e que atinxe igualmente a todos os partidos, segundo Feijóo. Nin unha mención aos casos ou procesos que pairan sobre o partido que preside en Galiza e que mesmo pairan sobre altos cargos do seu goberno. Para o presidente, “os corruptos poden actuar en todos os partidos mais non son de ningún partido”. Optaba así por diluír a corrupción como un ‘mal’ implícito en todas as formacións. En palabras de Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, “fala da corrupción en abstracto para non ter que falar a corrupción en concreto que salfire o seu partido”.
Feijóo -que na súa intervención mencionou a Kant, Adolfo Suárez e Fernández Albor- pediu a todos os partidos que “fagan exame de conciencia” e que “pidan desculpas” perante a cidadanía. Xogou a baza de se situar por riba de todas as formacións desde un posto ‘institucional’ co que facer recomendacións e dar consellos a todos. “A xente non nos pide apagar o lume focalizado da corrupción irrigando gasolina”, afirmou.
Leis de participación cidadá, de transparencia, de financiamento de partidos... unha a unha foi debullando anuncios e promesas Núñez Feijóo perante unha oposición á que instou a “chegar a acordos”. Unha oposición que xa desde os días previos denunciou e criticou que o formato do debate estivese trucado para convertelo nun simple “mitin” onde os deputados ían ser meros “figurantes”
Francisco Jorquera: “Hai unha corrupción sistémica”
O portavoz parlamentar do BNG considera que os anuncios feitos por Feijóo na súa comparecencia son “fume”. Francisco Jorquera emprazou o presidente a “predicar menos” e “practicar máis” na loita contra a corrupción, tema sobre o que de Feijóo “non se pode esperar unha mala palabra, mais tampouco unha boa obra”. Puxo sobre a mesa o nacionalista cuestións espiñentas para Feijóo como “as amizades perigosas” do ‘conseguidor’ Pachi Lucas e o narco-traficante Marcial Dorado.
O portavoz do BNG enumerou unha serie de “propostas concretas” do BNG para combater a corrupción -30 propostas que entregou a Feijóo e á presidenta do Parlamento finalizada a súa quenda-. Desde eliminar as ‘portas xiratorias’ até eliminar contratacións públicas sen procedemento de publicidade. Jorquera alertou da “corrupción sistémica” que aniña nun modelo que favorece privatizacións e tráfico de influencias.
Xosé M. Beiras: “Váiase, señor Núñez”
“Se lle queda pulo democrático, váiase señor Núñez”. Xosé Manuel Beiras emprazou o presidente galego a marchar do seu posto botando man da frase que no seu momento un Aznar na oposición lle dirixira a Felipe González, presidente español. O portavoz de AGE considera que a comparecencia de Feijóo foi “unha chirigota” e mostrou o seu malestar polo feito de que este “se erixa en árbitro da ética democrática” cando o PP está “corrupto”.
Beiras, que afirmou que asumía “totalmente a intervención do portavoz parlamentar do BNG”, acusou a Feijóo de vir ao Parlamento “a mexar por nós” e dixo que era “indigno de ocupar o posto” de presidente galego. E falou de Grecia. Fíxoo para dicir que “alí empezou a se mover algo. Xa verán o que lles pasa”.
Sobre as medidas e leis propostas por Feijóo, o portavoz de AGE chegou a afirmar que “como vostede -en referencia a Feijóo- sabe que non vai gobernar, quere deixar aos que veñan os controis democráticos aos que vostedes non quixeron someterse”.
Méndez Romeu: “Preocúpame que non queira asumir compromisos”
O portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, considera que Núñez Feijóo "non está lexitimado para dar leccións" en materia de loita contra a corrupción, pois "os feitos cuestionan as súas palabras". O socialista lamentou que o presidente “non asuma compromisos máis firmes” e mesmo chamou “á necesaria moralización da vida política”.
Grupo Mixto
As deputadas do grupo mixto cargaron contra o presidente da Xunta por considerar que “ninguén lle cre, nin a vostede nin o seu impulso democrático” (Carme Iglesias); e por “para falar de transparencia deben comezar por expulsar os corruptos do PP” (Chelo Martínez).