DEBATE PARLAMENTAR

A oposición pide a devolución dos orzamentos da Xunta para 2019

En Marea, BNG e PSdeG presentan emendas á totalidade dunhas contas que consideran “continuistas” e que non dan resposta as necesidades e retos do país.

 

Parlamento da Galiza

O PP máis unha vez non é quen de convencer a ningunha outra forza parlamentar de que apoie a súa proposta de orzamentos. As contas da Xunta para 2019 volveron ser rexeitadas por En Marea, PSdeG e BNG. As tres forzas presentaron emendas á totalidade destes orzamentos e pediron a súa devolución por considerar que son continuístas e que non dan resposta nin ás necesidades nin aos retos de Galiza.

Luis Villares (En Marea)  cualifica os orzamentos de ““decepcionantes, restritivos, mediocres antisociais, continuístas e neoliberais”. Nega que as contas poidan ser definidas como “expansivas” e considera que o proxecto de orzamentos para 2019 que presenta o goberno “significa renunciar a recuperarnos dos recortes e dar continuidade ao proceso de redución do publico na prestación de servizos e na economía”. En Marea propón un cambio de política fiscal que permitiría incrementar en 500 millóns de euros os recursos dispoñíbeis.

Desde o PSdeG, Fernández Leiceaga tamén se solicitou a devolución das contas autonómicas. O portavoz socialista considera que é posíbel “facer moito” máis para reactivar economía e emprego e reprochou á Xunta que caese na “autocomplacencia” de pensar “que todo vai ben” . O PSdeG propón unha serie de medidas que levarían a aumentar en 300 millóns de euros os ingresos.

De por parte, o BNG pediu a devolución do proxecto de orzamentos cunha emenda de totalidade ao considerar que as contas do Goberno de Feixóo para 2019 reiteran anuncios e medidas que, no fundamental, non se compren ou non se executan. “A Xunta converte o debate dos orzamentos no día da marmota,  vén ano tras ano co mesmo discurso, coas mesmas promesas e cos mesmos titulares”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón. Os nacionalistas defenden unha modificación de impostos que permitiría aumentar os ingresos en 200 millóns de euros.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defendeu que estábamos perante uns orzamentos “realistas”, incidindo en que Galiza vai ter a seguridade que dá contar cunhas contas aprobadas, o que contrapuxo á “inseguridade” que vive o goberno español para aprobar os seus orzamentos.

Comentarios