ORZAMENTOS 2015

A oposición pide a devolución duns orzamentos que ven inservíbeis para tirar a Galiza da crise

As contas “prolongan o desastre económico e social” (BNG), “son un insulto á intelixencia” (AGE) e “non permiten agardar nada novo” (PSdeG). Porén, para a conselleira Elena Muñoz son uns orzamentos “realistas” e que “crearán emprego”.

[Imaxe Parlamento de Galiza]
photo_camera [Imaxe Parlamento de Galiza]

Todos os grupos da oposición no Parlamento galego pediron esta segunda feira a devolución do proxecto de lei de Orzamentos da Xunta para o 2015. O proxecto sitúa as contas autonómicas para o vindeiro exercicio en 8.436 millóns de euros (0,5% máis que as de 2014) e unhas previsións de medre do PIB do 2 % e unha taxa de desemprego do 20,1%. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, defendeu en sede parlamentar uns orzamentos que cualificou de “realistas” e acaídos a un tempo, o actual, que “non é o do inicio da lexislatura”. Muñoz incidiu en que eran os primeiros orzamentos desde o inicio da crise “que permitirán crear emprego neto” e que conteñen “un investimento real”.

Non concordou con esa visión ninguén da oposición. BNG, AGE, PSdeG e grupo mixto coinciden en dubidar da eficacia dunhas contas que, concordan, son “continuístas” e “ineficaces”, de aí que se pida a devolución global dos orzamentos.

BNG: “Son os orzamentos un goberno sumiso con Madrid”

Orzamentos anti-sociais, inxustos, baseados en previsións ficticias e que insisten nunha estratexia errada para Galiza. Para o portavoz parlamentar do BNG as contas presentadas pola Xunta supoñen “prolongar o desastre económico e social” para o país. Francisco Jorquera incidiu en que “é falso” que as contas prioricen o gasto social e fixo un relatorio dos recortes orzamentarios desde a chegada de Núñez Feijóo á Xunta: “un 14% en educación, un 54% en promoción de emprego, un 80% en vivenda ou un 59,7% en cultura”. E contrapuxo esa realidade a que nestes orzamentos para 2015 “aumenta o gasto en altos cargos e persoal eventual de gabinete”.

As contas autonómicas para o vindeiro exercicio son propios, ademais, “dun goberno galego sumiso a Madrid”, que non é quen de exercer as competencias “limitadas” en materia fiscal, ou ben que “declina exercer as súas responsabilidades de defensa de Galiza”.

AGE: “Isto é unha apoloxía do desastre”

Xosé Manuel Beiras comezou a súa intervención cualificando a feita por Elena Muñoz de “insulto á intelixencia e á integridade moral da cidadanía”. Considera que a conselleira foi ao Parlamento a facer “apoloxía do desastre” e que as contas son meramente continuístas e ineficaces. “Estiven tentado a vir aquí e ler a intervención que fixen o ano pasado, variando algunhas cifras” confesou o portavoz de Alternativa para enfatizar que os orzamentos seguen na liña de anos anteriores.

Beiras fixo fincapé en que “os especuladores” van ser favorecidos por unhas contas nas que “se dispara a débeda para pagar débeda”. Criticou que as “institucións non estean ao servizo dos cidadáns” e si “dos seus amos, os banqueiros”.

PSdeG: “A realidade desmente o PP”

O portavoz socialista tamén solicitou a devolución das contas, por entender que “a realidade desmente” a validez das políticas do PP que se reflicten nos orzamentos. “Levan xa seis anos e todos os indicadores presentan deterioros moi graves”. Cualificou de “continuístas” uns orzamentos que, sostén, non van representar ningún cambio para Galiza nin dar resposta ás súas necesidades.

Grupo mixto: “Incumpren todo o que prometen”

Polo grupo mixto interviron as súas 2 deputadas, Carme Iglesias e Chelo Martínez. A ourensá falou cunhas contas “tristes, continuístas” e acusou o PP de “incumprir todo o que prometen”, polo que os orzamentos non lle teñen credibilidade. Chelo Martínez afirmou que son os orzamentos para seguir “na liña de empobrecemento” e acusou o PP de ter só dous “proxectos para este país: Megaminería e o Camiño de Compostela”.

Comentarios