Parlamento

A oposición pide que se asuman "responsabilidades" polas "mentiras" sobre a sala de partos de Verín

Reclaman a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a do xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial
Entrerro simbólico dos servizos do Hospital Comarcal de Verín (Europa Press).
photo_camera Entrerro simbólico dos servizos do Hospital Comarcal de Verín (Europa Press).

A reapertura da sala de partos do Hospital Comarcal de Verín, así como das urxencias pediátricas, centraron o inicio do traballo parlamentario da oposición galega, que reclamou de maneira unánime que se asuman "responsabilidades políticas" polas "mentiras" empregadas para "desmantelar" o servizo e, así, abrir a senda para acabar con este centro hospitalario.

"O presidente da Xunta dixo que fechaba a sala de partos en base a criterios técnicos hai dous meses, pero todos sabemos que foi por criterios políticos. Esta é a primeira gran vitoria da maioría social progresista do país", afirmou o portavoz do PSdeG no Parlamento da Galiza, Gonzalo Caballero.  

O socialista sostivo que "Feixoo xa non toma as decisións" e que hai "unha nova Galiza que lle marca o camiño a un presidente acantoado e obrigado a recuar". "Se eu fose presidente da Xunta cesaría a todos os responsábeis da política sanitaria galega involucrados nesa decisión", salientou Caballero.

Para o Grupo Común da Esquerda tamén é "tempo de reclamar responsabilidades". A súa portavoz Luca Chao salientou que "agarda" que o conselleiro de Sanidade, Jésús Vázquez Almuíña, "marche ou sexa cesado" pois, engadiu, "a cidadanía non vai tolerar o desmantelamento da sanidade pública".

Sobre este "éxito da mobilización social" e "vitoria contundente" para as mulleres tamén se pronunciou a portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, quen destacou que este feche en Verín "deixou ao descuberto a un presidente que utiliza a mentira con pleno descaro" e que "só se move cando hai unha mobilización social que pon en risco os seus votos na comarca".

"Se somos consecuentes o primeiro que tiña que dimitir era Feixoo como máximo responsábel político do feche, xustificado con mentiras, que demostrou que non é unha persoa de fiar", manifestou Pontón.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Mixto na Cámara galega, Luís Villares, celebrou a vitoria "rotunda da cidadanía fronte ao maltrato sanitario" de Feixoo e reclamou o cese do xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, "tanto por malicia como por notoria incompetencia á hora de xestionar esta crise".

As dúas prazas de pediatría para Verín xa figuran no DOG, e Feixoo trasladou que "se se conta con pediatras o paritorio funcionará como era a intención desde o principio", nun acto en Ourense no que estivo con Vázquez Almuíña e Félix Rubial.

Comentarios