luns 03/08/20

A oposición leva a manifestación pola sanidade á sesión de control a Feixoo

A oposición leva a manifestación pola sanidade á sesión de control a Feixoo

PSdeG, Grupo Común da Esquerda e BNG animaron a encher as rúas de Compostela este domingo reclamando unha sanidade pública de calidade na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública ante un presidente da Xunta que reiterou o seu “orgullo” pola política sanitaria da Xunta. “Nunca serán suficientes as veces nas que digo que me sinto orgulloso da sanidade pública galega. Calquera intento de desprestixiala vaise atopar cunha maioría enfronte para defendela”, asegurou Alberto Núñez Feixoo.

A sesión de control ao Goberno desta cuarta feira estivo protagonizada pola sanidade unha vez máis. A nacionalista Olalla Rodil propúxolle a Feixoo que poña en marcha un “plan urxente da atención primaria cun orzamento suficiente”, que “convoque as 5.000 prazas vacantes do Sergas” e que “abras as 800 camas pechasdas” durante o seu mandato.

O líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, enumerou os concellos que reclaman centros de saúde, que protestan pola falla de médicos e, en concreto, de pediatras, os que non dispoñen de ambulancias ou contan con servizos de urxencias saturados. Así, Caballero emprazou a Feixoo a “comparecer” na Cámara galega para “facer un debate monográfico sobre a sanidade galega”.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez referiuse ao desmantelamento do rural durante a “década negra” de Feixoo na Xunta. “O seu cinismo non ten límites”, espetou Sánchez, quen salientou que nestes anos “destruíronse un de cada catro empregos no sector agro-gandeiro e forestal” galego.

comentarios