Parlamento

A oposición lembra a Feixoo o seu suspenso nas urnas e pide outras políticas

A eventualidade das e dos traballadores da sanidade, as políticas para acceder a unha vivenda digna e o bloqueo da Xunta aos concellos non gobernados polo PP foron os temas sobre os que Pontón, Leiceaga e Villares preguntaron ao presidente da Xunta no pleno do parlamento.

Parlamento_de_Galicia
photo_camera Parlamento Galego

A sesión do Parlamento galego estivo protagonizada polas interpelacións ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, sobre a precariedade laboral e a eventualidade na contratación de persoal sanitario, levada a pleno polo portavoz de En Marea, Luís Villares; a falla de políticas da Xunta que garantan o acceso a unha vivenda digna, que puxo sobre a mesa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e tamén versaron da man de Xoaquín Leiceaga, como portavoz do grupo parlamentario do PSdeG, sobre a acusación de bloqueo da Xunta cara aos concellos gobernados por forzas diferentes ao Partido Popular.

Villares empraza Feixoo a un acordo no parlamento para que Madrid derrogue o límite na taxa de reposición do Sergas

Na sesión plenaria do Parlamento galego desta cuarta feira, Luís Villares puxo o acento na situación de precariedade laboral que padece o persoal sanitario galego e solicitou a Feixoo chegar a un acordo político na cámara galega que emprazase as Cortes Xerais a derrogar a lei estatal que limita a taxa de reposición do Sergas.

O voceiro de En Marea encarnou a precariedade laboral no sector sanitario no caso de Adriana, unha enfermeira da que Villares relatou que após rematar a carreira hai once anos e aprobar até oito oposicións, leva xa 810 contratos asinados encadeados.

Dáse neste persoal unha grande acumulación de tarefas, sinatura de contratos concatenados sen días de descanso en moitas ocasións e poden mesmo ser chamados con tres horas de antelación para incorporarse a un posto.

Villares denunciou que a Xunta está a aforrar as cotizacións de contratación de persoal na seguridade social nas fins de semana

Villares tamén denunciou que a Xunta está a aforrar as cotizacións de contratación de persoal na seguridade social nas fins de semana, pois está de maneira xeneralizada a contratar de segundas a sextas feiras.

Puxo o portavoz de En Marea o acento no problema que lle xurdiu hai uns días a esta enfermeira e que é recorrente para todas as persoas que traballan na sanidade con contratos eventuais. Isto consiste, segundo denunciou Villares, en que o futuro inmediato destas persoas pasa por non poder despegarse do teléfono, “pois se reciben unha chamada para traballar e non poden coller o móbil, resultan penalizadas na listaxe”.

De feito, exemplificouno co problema que lle xurdiu a Adriana, quen acudiu hai uns días á clínica dentaria e tivo que deixar o móbil a unha amiga para que respostase por ela se a chamaban e así non ser penalizada nas listas.

Denunciou Villares as dificultades polas que están a pasar “as e os 8.000 eventuais que en realidade están a realizar un traballo estrutural” e acusou a Feixoo de non pór os medios para mudar esa precariedade.

“Teño a sanidade como prioridade” respostou Núñez Feixoo a Villares, a quen acusou de non botar ben as contas, pois segundo o presidente das 10.800 enfermeiras e enfermeiros do Sergas, o 88% teñen contrato fixo, polo que negou a existencia de 8.000 eventuais. Do mesmo xeito, asegurou que o Sergas é o servizo de saúde con menos eventualidade do Estado e con maior ratio de persoal enfermeiro. Tamén afirmou ter incrementado os efectivos do Sergas en 2.018 con 512 traballadoras e traballadores e un total de 1.600 persoas máis no sistema de saúde galego que cando chegou ao goberno, hai dez anos.

Discusión sobre quen manda no PP e En Marea

A raíz da caída do PP nas eleccións xerais, municipais e europeas e dos seus xiros discursivos nas campañas, Luís Villares preguntou a Feixoo se é a extrema dereita quen manda no PP ou ben, se o fai a “precariedade de Feixoo”. Acusou o presidente de desdicirse continuamente, primeiro querendo dar unha imaxe de autonomista, logo de centralista rexeitando competencias tras a manifestación de Colón, e após a perda das xerais quixo situarse de novo nun suposto centro, “aínda que non lle fan caso” espetou Villares.

Luís Villares preguntou a Feixoo se é a extrema dereita quen manda no PP ou ben, se o fai a “precariedade de Feixoo”

A pregunta de Villares non sentou ben a un Feixoo que o respostou aludindo ás división no grupo parlamentario de En Marea e as candidaturas enfrontadas nas urnas deste espazo político anteriormente unido e especulou sobre a continuidade de Villares como portavoz parlamentario.

Ana Pontón esixe políticas da Xunta que garantan acceso á vivenda digna

A pregunta da portavoz nacional do BNG ao presidente da Xunta de Galiza versou sobre o recorte de investimentos en políticas de vivenda e salientou que a Xunta de Galiza está a dedicar un 75% menos de diñeiro nesta materia a respecto do que se realizaba hai 10 anos. De feito, a portavoz nacionalista puxo de relevo que desde o ano 2014 non se fixo unha soa vivenda pública de alugueiro e que en 2017 foron entregadas tan só 12 vivendas públicas. Así mesmo salientou que na actualidade existen 14.000 persoas en agarda por unha vivenda, das que 4.000 son mozas e mozos.

Prodúcense desafiuzamentos de media diaria por imposibilidade de facer fronte ao pagamento do alugueiro e hipoteca, denunciou Pontón

Mais a problemática maior da vivenda recae na dureza dos datos deitados no último semestre de 2018, en que se produciron cinco desafiuzamentos de media diaria por imposibilidade de facer fronte ao pagamento do alugueiro e hipoteca. Precisamente, Pontón salientou no Parlamento galego que o prezo de alugueiro non parou de medrar nos últimos tempos, de forma máis acusada onde máis demanda de vivenda hai, que son as cidades.

“Hai moitas políticas que podería impulsar, pero para iso ten que ter Galiza na cabeza e non en como amañar o desastre electoral, un problema maior cando en Madrid non lle fan caso”, espetou Pontón a Feixoo. A portavoz nacional do BNG tamén convidou o presidente da Xunta a rectificar e pór en marcha iniciativas como a creación dun fondo social para colectivos con maior dificultades de acceso a vivenda ou un gravame a fondos voitre e bancos que especulen coa vivenda, así como retomar a posta a disposición de vivenda pública para frear a suba dos alugueiros. “Ten un ano para rectificar, senón farao o votante nas urnas”, afirmou Pontón en relación ás eleccións galegas de 2020. .

“Hai moitas políticas que podería impulsar, pero para iso ten que ter Galiza na cabeza e non en como amañar o desastre electoral, un problema maior cando en Madrid non lle fan caso”, espetou Pontón a Feixoo

Pola súa banda, o presidente da Xunta voltou tirar de datos para retrucar a Pontón, salientando que a Xunta conta con 3.500 vivendas en alugueiro e 243 que se están a construír, e centrou a súa resposta en que a mellor maneira de axudar a xente a acceder a unha vivenda é xerando emprego, e a ese respecto avogou por continuar coas súas políticas económicas actuais.  

Leicega convida a Feixoo a “sacar a camiseta de campaña e suar a de gobernante”

“A mensaxe na Galiza é de cambio, vostede non fai máis que baixar nas eleccións” dixo ao presidente da Xunta o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Leiceaga, en relación aos resultados do 28A e 26M. A respecto disto, convidou a Feixoo a reflexionar e a non limitarse a “xestionar unha Galiza que esmorece” e a desterrar “o clientelismo e xestionar con luces longas”. Así, pediu o portavoz do PSdeG que a Xunta “levante os vetos aos concellos que non goberna o PP” e animou a “actuar sen sectarismos”.

“A mensaxe na Galiza é de cambio, vostede non fai máis que baixar nas eleccións” dixo Leiceaga

A ese respecto solicitou a Feixoo que desbloquee proxectos como a estación intermodal da Coruña, a constitución das áreas metropolitanas, o Xacobeo 2021 (prioridade reiterada en campaña polo seguramente vindeiro alcalde de Santiago, Xosé Bugallo) e “permita a Deputación a posta en marcha de políticas de residencia”, afirmou. Leiceaga tamén esixiu ao presidente dar “carpetazo” á comisión de investigación do Marisquiño por “atentar contra a autonomía doutra institución”, en relación ao concello de Vigo.

Feixoo recoñeceu non estar contento cos resultados electorais

Na súa resposta, Feixoo recoñeceu non estar contento cos resultados electorais “a pesar de ser forza máis votada en varias cidades” e escudouse en que “para colaborar é necesario que dous queiran” poñendo o exemplo do barrio de residencias en Lugo en que asegurou levar dez meses agardando pola licenza en mans da xestión do PSdeG nas institucións, e que chegou o último día de campaña.

Comentarios