Unha década de débeda pública en aumento sen apenas melloras sociais

Desde 2009 a débeda galega foi aumentando paulatinamente, unha tendencia que comparte coa doutros territorios do Estado. Fronte a unha imaxe de boa xestión da Xunta, a oposición acúsaa de ter agardado á hora de recorrer aos fondos estatais, optando polos bancos. Tamén, de ter endebedado o país sen que iso se traduza nunha mellora dos servizos públicos ou sen aumentar a presión fiscal sobre as rendas altas.  
Votación dos orzamentos para 2020 no pleno (Parlamento)
photo_camera Votación dos orzamentos para 2020 no pleno (Parlamento)

Desde 2009 o pago da débeda pública galega foi a partida orzamentaria do Goberno galego que máis aumentou. Nese ano, no que ascendía a 5 millóns de euros, consumía 3,6 % da partida orzamentaria. En 2020, cunha débeda que xa supera os 11 millóns de euros, esa partida absorbe 14% do orzamento.

No terceiro trimestre de 2019 a débeda pública galega situouse en 11.426 millóns de euros, un 17,8% respecto ao Produto Interior Bruto da Galiza. Segundo os datos publicados polo Banco do Estado español, a cifra global da débeda supuña a sexta maior da serie histórica.

Para o profesor de Economía da USC, Bernardo Valdés, as cifras son síntoma das erradas políticas da Xunta da Galiza. "Cómpre sinalar o tremendo crecemento dos gastos asociados á débeda pública", apunta en declaracións a Nós Diario. "Isto pon de manifesto a falsidade da imaxe que o Partido Popular, e particularmente Feixoo tentan proxectar: a dun bo xestor que administra con rigor". 

O recurso da débeda
En contraposición, desde o Partido Popular o seu voceiro no Parlamento, Pedro Puy, defende as políticas da Xunta.  "A chegada do Partido Popular coincide co peor da crise económica. Porén, o endebedamento da Galiza foi prudente, razoábel e non compromete a propia viabilidade financeira", afirma en declaracións a Nós Diario

As representantes da oposición consultadas por este medio difiren da lectura de Puy. Aseguran que o endebedamento en tempos de crise é "comprensíbel", pero acusan a Xunta de rexeitar acudir os mecanismos de financiamento excepcionais do Estado, diminuír o gasto social ou promover rebaixas fiscais.

"A Xunta non ten un perfil  de débeda demasiado agresivo. Con todo, máis de tres de cada catro euros da débeda galega foron xerados na etapa do PP a e iso indica a profundidade do recurso a este sistema", apunta o socialista Xaquín Leiceaga.

O resto dos representantes na Cámara cargan con maior dureza contra a xestión da Xunta. "A década de Feixoo pasará a historia como a do presidente que aumentou a débeda tres veces máis que os seus cinco precedesores no cargo", afirma a deputada do Grupo Común de Esquerda Luca Chao. "O que cuestionamos é para que valeu iso”, apunta deputada do BNG Noa Presas. "Beneficiou ás rendas máis altas mentres recortaba o gasto social", engade o deputado de En Marea Luís Villares. 

Débeda privada 
O popular Pedro Puy exemplifica a boa xestión do Partido Popular na renuncia a recorrer aos mecanismos "excepcionais" de financiamento que puxo en marcha o daquela ministro de Economía Cristobal Montoro.Un deles é o Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), concibido para que o Estado financiase aos Gobernos territoriais evitando que acudisen aos mercados.

"Porén, cando se creou o Fondo de Compensación Interterritorial, paralelo ao FLA, a Xunta si que optou por esa vía", repón Xaquín Leiceaga. O socialista apunta a que "se a Xunta tivese estado máis atenta ás posibilidades destes mecanismos teríamos aforrado algúns euros".

"Temos que pagar uns xuros moi elevados pola súa xestión", reprocha Cao. "En troques de financiarse a través do Estado, Feixoo acudiu ao mercado privado, aos bancos, e as galegas e os galegos pagamos moi cara esa decisión", abunda Luís Villares.

Para a nacionalista Noa Presas a problemática é de fondo. "A partir de 2014 tiña que reabrirse o debate sobre o modelo de financiamento, procurando un máis adecuado. Entón é el mesmo quen non loitou porque Galiza non tivera suficientes fondos". 
 

Comentarios