sábado 28.03.2020
O PP apróbao en solitario

A oposición cualifica o teito de gasto de “corsé” para o investimento público

De “corsé para o investimento público” cualifica a oposición o teito de gasto aprobado en solitario polo Partido Popular no Parlamento galego. En Marea, PSdeG e BNG tamén falaron de “falta de proxecto, ideas e ambición”. A Xunta de Galiza poderá gastar en 2019 9.850 millóns de euros, un 3,8% máis que o no orzamento aínda en vigor.
 

Parlamento de Galiza. Foto: cedida.
Parlamento de Galiza. Foto: cedida.

Nun discurso de aires neoliberais, o conselleiro de Facenda Valeriano Martínez defendeu as “previsións produentes” do seu Goberno -o sintagma pronunciono Pedro Puy, portavo popular- por “consolidar un modelo propio de crecemento san, apoiado no control do déficit e do endebedamento público”. En realidade, a precariedade laboral domina a creación de emprego e é o sector servizos o que a absorbe.

“O PP converteron nun trámite burocrático a aprobación do teito de gasto”, denunciou a portavoz do BNG, Ana Pontón. “Nós cuestionamos toda a política que situou en primeiro lugar os intereses da banca”, engadiu, “e rexeitamos o proceso de recentralización en marcha”. De feito, durante os mandatos de Feixoo, non houbo nin unha soa transferencia de competencias do Goberno central á Xunta.

Para o líder de En Marea no Hórreo, Luís Villares, cómpre “opoñer unha arquitectura social do gasto fronte á arquitectura da austerirdade”. Segundo el, son precisas medidas inmediatas que favorezan “o benestar dos cidadáns”.

O PSdeG, por boca do seu portavoz parlamentario Xaquín Fernández Leiceaga, afeoulle ao Goberno Feixoo que “as contas non son todo o optimistas que deberan”. Iso si, lembrou que o Executivo do PSOE “conseguiu rebaixar os criterios do déficit e polo tanto aumentar a capacidade de gasto” tamén das comunidades autónomas”.

comentarios