A oposición critica a Medio Rural que non use as súas competencias en plena crise

O conselleiro recoñece unha "venda a perdas xeneralizada" no agro.
Xosé González, conselleiro de Medio Rural (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé González, conselleiro de Medio Rural (Foto: Nós Diario)

A Cámara galega acolleu nesta segunda feira a comparecencia a petición propia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez,  para dar conta da "preocupante situación do sector gandeiro galego polo incremento dos custos de produción". 

Unha intervención na que o conselleiro defendeu que nestas semanas "convulsas", "nós fixemos os nosos deberes: presionar o Goberno español" nun contexto, recoñeceu, no que o sector gandeiro galego "está en venda a perdas xeneralizada". É dicir, que nas miles de explotacións bovinas, caprinas, avícolas e cunícolas que hai na Galiza estase a vender por baixo dos prezos de produción, perdendo cartos. Unha situación derivada do aumento do custo de materias primas e combustíbeis.

González Vázquez informou de que nestes meses el propio remitira ao ministro de Agricultura seis cartas "advertindo desta realidade de venda a perdas" e instando o Goberno español a actuar. Dixo que houbo propostas e iniciativas da Consellaría e Goberno galego sobre a mesa para axudar os sectores produtivos, como a inxección de liquidez ou conseguir unha suba de prezos. Mais non convenceu nin ao BNG nin ao PSdeG, que lle reprocharon que todo o esforzo se dirixise a criticasr o Goberno estatal.

"Devolva as competencias"

"Cando lle devolvemos as competencias [en agricultura e gandaría] ao Goberno central?", preguntou con ironía no inicio da súa quenda o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', ao conselleiro de Medio Rural. "Diante dunha situación tan grave como a que está a sufrir o rural, o Goberno galego abandónanos: Feixoo de xira polo Estado e vostede señor conselleiro, nunha manifestación en Madrid pedindo ao Ministerio que actúe", criticou o nacionalista.

Unha crítica que tamén partillou o deputado do PSdeG Martín Seco, que pediu á Xunta que estivese á "altura de circunstancias" e lembrou que o Goberno galego "ten competencias exclusivas en gandaría e agro" mais non as exerce. "A día de hoxe", denunciou o parlamentar socialista, "non hai un só euro propio da Xunta no Diario Oficial da Galiza (DOG) para os sectores produtivos" do rural. "Use o DOG para dar solucións en vez de ir as Madrid a porse detrás dunha pancarta", concluíu. 

Xosé Luís Rivas apelou ao Executivo galego a "reflexionar" após "12 anos durmindo" e apoiando un "modelo para o rural" que, dixo, "non funciona". 

O conselleiro criticou a oposición por "non traer propostas" á Cámara e defendeu que o seu traballo foi "presionar a Madrid para que viñese a Galiza a maior cantidade de cartos posíbeis".

Sinalar as eivas

Durante o debate, desde a palestra foron expóndose diferentes datos sobre a realidade do medio rural galego: A Galiza ten menos de 25% da superficie agraria útil, das porcentaxes máis baixas de Europa; que malia producir 40% de leite de todo o Estado español representa menos de 20% da facturación; ou que todo o millo producido na Galiza nun ano apenas dá para alimentar a poboación galega un mes. Mais, como respondeu o conselleiro; "Galiza fai os deberes". 

Comentarios