A oposición critica Feixoo por non negociar a AP-9 “como os vascos”

A transferencia da xestión da AP-68 ao Goberno vasco vén de desatar unha ofensiva da oposición contra Alberto Núñez Feixoo, ao que afean non negociar co Executivo de Pedro Sánchez un traspaso análogo da AP-9, tema central da precampaña.
 

Bancadas da oposición no Parlamento galego. Debate ILP Mesa pola Normalización Lingüística sobre o avanzo do galego no ámbito socio-económico.
photo_camera Bancadas da oposición no Parlamento galego.

Foi o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, quen colocou sobre a mesa o exemplo vasco. “Agora Feixoo escandalízase porque hai un compromiso no País Vasco”, dixo, “pero hai algunha petición ao Goberno central deste tipo? Dirixiuse a el para sentar negociar a transferencia?”.

Leiceaga lembrou que existen dúas vías para obter transferencia, a parlamentaria e a negociación entre gobernos. A Xunta leva varios anos escudándose no Parlamento de Galiza, onde o PP aproba iniciativas para reclamar o asunto que foron sistematicamente desbotadas polo Congreso grazas ao voto do PP durante os mandatos de Raxoi. Só recentemente, coa nova maioría que apoiou a moción de censura de Pedro Sánchez, a situación mudou e o voto do PP en Madrid tamén.

O Bloque referiuse ao asunto por medio da súa portavoz Ana Pontón, pero ampliou o obxecto de crítica. “Onte tivemos un novo exemplo no Congreso da inutilidade das forzas estatais para Galiza”, afirmou, “pois vimos como o Goberno vasco conseguiu en 24 horas a transferencia da AP-68 que o PP primeiro e PSOE agora negan a Galiza no caso da AP-9”.

O Goberno vasco mantén aberta unha comisión mixta de transferencias co central. Este último impulsou o traspaso da AP-68 xusto despois do apoio do PNV aos seis decretos aprobados na Deputación Permanente do Congreso.

Desde En Marea, o seu portavoz no Hórreo Luís Villares referiuse á inexistencia de transferencias durante os sucesivos mandatos de Feixoo e ao “silencio” do PP na transferencia da AP-9. Pero pronunciou unha “advertencia” ao PSOE e a Podemos -que fai parte de En Marea no Parlamento de Galiza e no Congreso até hai semanas. “Non se entendería que se sigan a autorizar transferencias a outras comunidades mentres non se fagan a Galiza”, afirmou Villares.

Comentarios