A oposición critica a ausencia de Feixoo “O Escapista” no debate parlamentar sobre Alcoa

PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea coincidiron en denunciar unha ausencia, a de Feixoo, que para eles exemplifica o proceder do mandatario: non dar a cara ante os problemas da Galiza.

Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
photo_camera Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).

O Parlamento debate esta quinta feira sobre Alcoa e o presidente da Xunta non está. Unha ausencia que para a oposición exemplifica unha maneira de gobernar: non estar cando os problemas e necesidades da Galiza o requiren.

A oposición pedira conxuntamente que Núñez Feixoo comparecese no Parlamento para dar conta das xestións sobre Alcoa despois de que a empresa anunciase o despedimento de máis de 500 traballadores da planta de San Cibrao e o feche da planta de aluminio. Mais Feixoo non apareceu e é o conselleiro de Industria o que explica a xestión do Goberno.

O debate  da Deputación Permanente comezou abordando a ausencia de Núñez Feixoo. Para Davide Rodríguez (En Marea), algo que non ten xustificación.  Ana Pontón (BNG), dixo que o presidente practicaba o “escapismo político” e criticou que nestes días non se tivese reunido nin cos traballadores da factoría nin cos alcaldes da comarca da Mariña, onde as medidas anunciadas pola dirección da multinacional implicaría un duro golpe económico. “É incapaz de dar a cara”, sentenciou Pontón.

Luca Chao (Grupo Común da Esquerda) aseverou que Feixoo non comparecía neste debate no Parlamento porque “non ten nada que dicir”, e acusouno de “non facer nada nestes 11 anos” en política industrial. Gonzalo Caballero (PSdeG) dixo que Núñez Feixoo estaba “omnipresente nos medios de comunicación” mentres estaba “ausente á hora de dar resposta aos problema do país”.

Comentarios