Como era de agardar, a oposición non merca o discurso de Feixóo -o relato de que sacrifica as súas ambicións sucesorias para cumprir a palabra dada ao pobo galego nas eleccións de 2016- e entende que as verdadeiras razóns do paso atrás do inquilino de Os Peares teñen a ver co seu medo a perder e co seu pavor a ser vítima do fogo amigo.
O feito de que puidesen aparecer novas fotos comprometedoras con Marcial Dorado -para a oposición as xa publicadas foron filtradas á imprensa desde dentro do PP, en concreto desde a contorna de Soraya Sáenz de Santamaría- tería exercido un efeito suficientemente disuasorio sobre Feixóo. Tanto como para facer que renunciase a encabezar o partido após o abandono de Raxoi.
Alén do asunto dos dossieres, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, entende que o presidente do PPdeG "non está lexitimado para pór en marcha o proceso de rexeneración que precisa o PP", tendo en conta o seu veto a que se fale da corrupción do seu partido no Pazo do Hórreo.
Outro dos elementos da análise que manexan as forzas da oposición é que Feixóo non vai a Madrid porque en absoluto tiña garantida a vitoria no Congreso. "Feixóo non concorre á carreira sucesoria porque sabe que non o queren. O pasado de Feixóo acabou co seu futuro", razoou Luís VIllares, en tanto que Ana Pontón se centra en desacreditar o principal argumento esgrimido polo político de Os Peares: "No BNG temos claro que a súa decisión nada ten a ver co seu compromiso con Galiza. Non lle imos mercar esa milonga a quen pasou 9 anos subordinado ao ex presidente do goberno Mariano Raxoi".