A oposición presiona ao alcalde de Santiago para que "non feche en falso" a crise de Desproi

A crise municipal polo aluguer dunha nave centrou o debate do pleno en Santiago de Compostela esta quinta feira. O BNG e Compostela Aberta pediron a Bugallo que non fechara o caso "en falso" mentres que desde o Goberno local sinalan que o acontecido foi "un erro importante".
Pleno municipal de Santiago de Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Pleno municipal de Santiago de Compostela (Foto: Europa Press).

A crise aberta polo aluguer dunha nave industrial por parte do Concello de Santiago á empresa Desproi chegou onte ao pleno municipal, no que se tomou en consideración a renuncia do xa ex edil José Manuel Pichel e no que tamén debatéronse dúas interpelacións nas que Compostela Aberta e BNG pediron que "non se feche en falso" este caso e se desvele quen son os outros responsábeis desta adxudicación. 

Na sesión non compareceu a edil Mila Castro, algo que reclamaba o PP para aclarar as circunstancias da firma do contrato de aluguer. A proposta foi a este pleno, mais só para aceptala por unanimidade e que sexa materializada no de febreiro. 

Críticas do BNG e de Compostela Aberta

No debate, a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, afeou a José Manuel Pichel que un día antes de presentar a súa dimisión e admitir o sucedido como "un erro", emitise un comunicado para acusar á formación de dar unha "noticia falsa".

Para Rozas, "segue sen resposta" o motivo polo cal este contrato tivo que facerse "de urxencia" cando a Xunta avisara "con oito meses de antelación" a necesidade de deixar as anteriores oficinas. 

Pola súa parte, a portavoz do BNG local, Goretti Sanmartín, reclamou ao goberno local que "faga públicos todos os informes" relacionados con este caso para "non fechar en falso esta crise só coa dimisión dun concelleiro" que, advertiu, "non é a única persoa responsábel".

Na súa intervención, a nacionalista afeou o proceso "a dedo" elixido para o aluguer da nave, a vinculación a un dos membros do concello e a extensión do período inicial de catro meses de aluguer, á vez que preguntou "onde están as outras empresas" consultadas por inmóbeis neste proceso. 

Por parte do Goberno local respondeu ás interpelacións Sindo Guinarte, que volveu a limitar todo o caso a "un erro importante, grave, relevante, por parte do concelleiro, que tivo xa un custo: a súa renuncia".

Comentarios