A oposición afea a "precarización" do persoal da Administración pública

BNG e PSdeG denuncian o "abuso da temporalidade" na Comisión de Administración Xeral do Parlamento.
Composición da Comisión de Administración Xeral do Parlamento (Foto: Nós Diario).
photo_camera Composición da Comisión de Administración Xeral do Parlamento (Foto: Nós Diario).

BNG e PSdeG cuestionaron nesta cuarta feira, na xuntanza da Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego, a política da Xunta en materia de contratación de persoal público.

O deputado nacionalista Iago Tabarés salientou o informe do Consello de Contas presentado o pasado mes no que se evidencia que "a Administración galega é bastante desastrosa, precariza o emprego público e é discrecional e arbitraria no seu funcionamento".

Neste senso, criticou que a Galiza sexa "un dos poucos territorios que ten menos persoal que hai dez anos", unha cuestión que, dixo, se "suma" ao "abuso das contratacións temporais para ocupar prazas estruturais" e o "incremento das sentenzas condenatorias que obrigan á Xunta a pagar ao persoal laboral".

A temporalidade no sector público, lembrou, afecta a "50% das e dos traballadores".

Tabarés puxo como exemplo das "políticas de precarización do PP" o recente proceso selectivo extraordinario de consolidación de 22 prazas estruturais do grupo profesional IV, unhas vacantes que "estaban ocupadas por persoal en fraude de lei por abuso de temporalidade, en moitos casos mesmo recoñecido por sentenza firme".

Pola súa banda, a socialista Paloma Castro dixo que o citado concurso-oposición, que ficou deserto cun "suspenso xeral" das persoas candidatas, "non ten parangón e deixa en evidencia tanto o tipo de exame como a vontade da Xunta".

Malia que o obxectivo do proceso era "axeitar os postos á legalidade", aconteceu "xusto o contrario", xa que a segunda das tres probas do exame, sobre competencias informáticas, "non semella nin de lonxe o exixido nesa categoría, ou, peor aínda, non é o utilizado por estes traballadores nos seus postos".

"Gustaríanos saber se o tribunal designado pensou que estaba a examinar enxeñeiros informáticos", lamentou Castro, quen puxo sobre a mesa que isto, "por desgraza, non é a primeira vez que acontece".

Comentarios