A oposición advirte da "situación de alarma" que reflicten os dados da EPA

O BNG afirma que a taxa de desemprego "desmente calquera anuncio de recuperación" e demostra "o fracaso absoluto" das políticas da Xunta. O PSdeG reitera a Feijóo a súa proposta dun "pacto polo emprego". 

Desemprego
photo_camera Desemprego

As forzas políticas da opsoción valoraron esta terza feira os dados coñecidos coa Equisa de Poboación Activa en relación á taxa de desemprego do primeiro trimestre de 2014. 

Perante o incremento do número de persoas desempregadas en Galiza (16.100 máis que no trimestre anterior) o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, asegurou que constitúen "a demostración do fracaso absoluto das políticas practicadas polo goberno da Xunta" ao tempo, acrecentou en comparecencia de imprensa após a Xunta de portavoces, que reflicten " a situación de alarma social" e de "emerxencia nacional" que atinxe Galiza. 

Jorquera (BNG): "Os dados da EPA son a demostración do fracaso absoluto das políticas practicadas polo goberno"

O noso país, subliñou Jorquera, alcanzou o seu "récord histórico" coa taxa de paro coñecida esta terza feira situando a economía galega como "a segunda counidade onde máis sube". 

O PSOE ofrécelle, de novo, un pacto ao PP

Para o voceiro parlamentar nacionalista os dados da EPA "desmenten calquera anuncio de recuperación" mesmo no Estado español pois, embora reducirse o número de persoas desempregadas en 2.300 "destrúese emprego" (máis de 184.000 postos de traballo en tres meses). 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, tamén tildou de "alarmante" a situación laboral en Galiza.

Besteiro (PSOE): "Non estamos perante un escenario de recuperación"

"Non estamos perante un escenario de recuperación económica", asegurou, senón todo o contrario. O líder d@s socialistas salientou o número de fogares con todos os seus membros no paro (101.500) e reiterou a proposta que o PSdeG presentou ao Partido Popular para confluíren nun "pacto polo emprego". 

Para Besteiro "agora máis que nunca é preciso que o PP e o presidente Feijóo retomen e valoren a proposta" que o pasado ano lle presentou o PSdeG. 

O PP fala da "contención" do paro como "un feito" e din que as "circunstancias climatolóxicas" teñen a ver co aumento do desemprego no sector primario

O Partido Popular fai malabares cos dados da EPA para asegurar que a situación laboral en Galiza non é tan mala pois, "a contención do paro é un feito" e "non ten volta atrás", afirman nun comunicado. 

O partido que apoia o goberno da Xunta asegura que "a taxa de paro entre 2013 e 2014 aumenta a metade (0,9%) do que en 2012-2013". Uns dados que para o PP reflicten "a contención na destrución de emprego". Unha conclusión lonxe da realidade pois Galiza perde ocupación e deixa no primeiro trimestre de 2014 16.100 persoas máis no desemprego. 

Tamén así, acoden á comparativa coa media do Estado español para se gabaren de que "o diferencial" entre os case 26 puntos de paro no conxunto da economía española son un 3% máis do que o máximo histórico de Galiza en canto a persoas desempregadas (23,20%). 

Afirman que as "circunstancias climatolóxicas" durante os primeiros meses do ano son as responsábeis da destrución de emprego na agricultura e a pesca, os dous sectores máis prexudicados segundo a EPA logo da construción. 

Comentarios