O Goberno de Raxoi quería incorporar mísiles da empresa dun ex ministro

A oposición acusa o PP de corrupción por paralizar as F-111

“Corrupción institucional”, “prevaricación” e “política de Trump”. Con esta dureza atacou a oposición parlamentaria ao PP despois de que transcendese a “paralización interesada durante dous anos” da construción de fragatas F-111 en Navantia, Ferrol.
 

[Imaxe: Navantia]
photo_camera Instalacións de Navantia en Ferrol. Foto: Navantia.

Segundo a información publicada a pasada semana por eldiario.es, o Goberno de Mariano Raxoi mantivo en suspenso os traballos só co obxectivo de incorporar os misiles fabricados pola empresa do ex ministro de Defensa Pedro Morenés. “É unha situación gravísima”, sinala En Marea, “un caso de corrupción institucional e de uso pernicioso das institucións”.

“Esta acitude supuxo deixar na estacada desde 2016 arredor de 7.000 traballadores dun sector especialmente castigado pola crise”, afirma En Marea, cuxo portavoz, Luís Villares, e o seu deputado Pancho Casal, ofreceron esta segunda feira unha comparecencia de prensa ao respecto.

Tamén o BNG se manifestou sobre o escándalo duns barcos que deberían comezar a construírse en Ferrol en 2016. Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, falou de “graves acusacións” e dun “posíbel delito de prevaricación”. “Non entendemos que nin Fiscalía nin xuíz abrisen aínda unha investigación”, expuxo.

Abel Losada, deputado socialista no Hórreo, comparou o Partido Popular coa “política de Trump: a mestura dos intereses privados coas políticas públicas”. Para o portavoz popular no Parlamento galego, Pedro Puy, apenas se trata “dun debate técnico”.

Comentarios