A oposición acusa Conde de querer “regalar cartos” a Endesa sen un plan para a industria galega

Os grupos parlamentares reprocharon a Francisco Conde presentarse no pleno sen propostas para a transición na planta térmica de Endesa nas Pontes. Os portavoces dos grupos destacaron que as bonificacións fiscais que demanda o conselleiro non mudarán a inviabilidade da planta nin poden garantir o futuro dos traballadores e traballadoras.
Francisco Conde, conselleiro de economía

Foi un dos momentos máis tensos do Pleno celebrado no Parlamento esta terza feira. O conselleiro de Industria, Francisco Conde, defendeu na súa comparecencia a reactivación da central térmica das Pontes así como incentivos fiscais dende o goberno central. Paralelamente sinalou o goberno de Pedro Sánchez como responsábel do seu feche "anticipado". Representantes da comarca observaban desde as cadeiras do público. A oposición acusouno de falsear a realidade, destacando que o feche foi unha decisión de Endesa após o incremento do prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono, e reprochoulle acudir ao Pleno coa única proposta de “regalar” cartos á empresa.

As propostas de Conde, a reactivación paralela á procura dun combustíbel alternativo para planta, foron desbotadas polos demais partidos por “irrealizábeis”. Os representantes de todos os partidos reprocharon ao conselleiro e a Xunta de Galiza a súa falta de previsión, así como a intención de culpar o goberno estatal da crise industrial nas Pontes e en Meirama.

A deputada do PSdG Begoña Rodríguez censurou a proposta do conselleiro de solicitar incentivos fiscais para Endesa: “Aínda que se eliminase o céntimo verde a empresa segue sen ser rendíbel. O custo dos dereitos de emisión disparouse no último ano, As Pontes continuaría funcionando de forma deficitaria”. "Gobernan ininterrompidamente dende hai dez anos, coñecen a realidade industrial da Galiza e deben planificar o seu futuro", demandou.

O deputado do Grupo Común de Esquerda, Antón Sánchez, matizou que cubrir os dereitos de emisión dunha central como As Pontes suporía ás arcas 150 millóns de euros. "A súa solución é darllos a Endesa sen que iso garanta o traballo nin un futuro no horizonte para a comarca?”, inquiriu. Sánchez lembrou á Xunta que o mercado de dereitos de emisión de carbono iniciouse en 2007 e que os investimentos realizados na planta das Pontes, os 217 millóns de euros destacados polo conselleiro de Industria, eran de obrigado cumprimento para adaptarse á Directiva de Emisións Industriais europea. Esta directiva contempla os gases contaminantes dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno, pero non o dióxido de carbono.

Pola súa banda, a deputada polo BNG Noa Presas recordoulle a Francisco Conde que Galiza foi excluída do Plan Carbón 2013-2018 “por unha decisión política”. “Os recursos dese plan poderían terse investido na industria, non sería indiferente para As Pontes ter desenvolvido outro tipo de industria alén da enerxética”, afirmou. Presas solicitou a creación dunha mesa galega que trace un futuro para a comarca: "Decidamos desde as Pontes o futuro das Pontes".

Francisco Casal, deputado polo Grupo Mixto, solicitou un orzamento que permita unha transición enerxética xusta cos traballadores e traballadoras, na liña que seguen estados como Alemaña ou Francia:"Aposten polo que pode ter futuro e non regresen ao pasado, non regalen cartos ás eléctricas". "Transición xusta é aquela que non regala o territorio ás grandes eléctricas como se Galiza fose o oeste americano do século XIX. Se as cousas se fixeran ben Galiza tería unha moi potente industria das renovábeis e podería financiar esa transición xusta", demandou.

Comentarios