A oposición abandona o Parlamento perante a negativa de Feijóo a respostar polo caso Baltar

Exixíronlle responsabilidades políticas pola denuncia de acoso sexual que atinxe o presidente da Deputación de Ourense mais Feijóo falou de desemprego. 

Carmen Iglesias
photo_camera Iglesias amosa a Lei galega contra a violencia machista

Esta cuarta feira a práctica totalidade dos escanos da oposición ficaron baleiros durante a sesión de control ao presidente. Todos os grupos --agás o BNG que non puido formular ningunha cuestión-- preguntaron a Alberto Núñez Feijóo pola denuncia presentada contra José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, a respeito do ofrecemento dun posto de traballo a cambio de sexo

De maneira acumulada, Carmen Iglesias (Grupo Mixto), José Luís Méndez Romeu (PSOE) e Yolanda Díaz (AGE) exixiron "responsabilidades políticas" polo que definiron como un caso de "violencia machista". Porén, Feijóo preferíu porse a falar de desemprego e do "Estado das autonomías" pois, dixo, "ese é para min o principal problema" de Galiza. 

Os apupos nas bancadas da oposición foron unha constante desde que o presidente da Xunta comezou a respostar de maneira conxunta ás tres portavocías. "Semella que a oposición cre que este é o principal problema de Galiza", dixo Feijóo amosando menosprezo polas acusacións que se estaban a lanzar desde o Grupo Mixto, AGE e o PSdeG sobre el e o seu partido. 

Feijóo:  "Semella que a oposición cre que este é o principal problema de Galiza"

"Vostede recreouse no peor estereotipo machista", espetou o voceiro socialista, Méndez Romeu, en relación ás declaracións de Feijóo nas que aseguraba que a denunciante non conseguira o seu obxectivo. "Criminaliza a vítima é acúsaa de incitar ao delito", acrecentou. "U-la ética?". Afirmacións, as de Feijóo, "gravísimas" para a vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz quen coidou as afirmacións do presidente da Xunta unha mensaxe dirixida ás "mulleres" e ás "nenas deste país" de que "é normal" seren "tratadas como obxectos" ou que "troquen a súa sexualidade" por un posto de traballo. 

Mais Alberto Núñez Feijóo optou por pór a funcionar o ventilador, lanzar acusacións contra o PSdeG polos casos de corrupción e denuncias que o atinxen e falar das "220 mil persoas que non teñen traballo" na Galiza. 

Díaz (AGE): "Coas súas declaracións está a dicirlle ás mulleres que é normal que as traten como obxectos"

Unha actitude que foi rexeitada polo conxunto da oposición abandonando o hemiciclo no que só quedaron o voceiro do PSdeG e un parlamentar socialista de Lugo. 

Feijóo só se referiu ao caso, iso si, sen mencionar o presidente da Deputación, para apelar á "prudencia" e acusar as forzas da oposición de "xulgar", "sentenciar" e ter "veredicto" ao respeito. "Calquera pronunciamento é precipitado" até non se coñecer a decisión da Fiscalía. "Corremos o risco de ser inxustos", dixo, para se "escaquear" --en verbas da deputada Carmen Iglesias-- de respostar. 

Iglesias: "Son uns machistas sen escrúpulos"

Así as cousas, asegurou que actuará "con firmeza". Ora ben, cando sexa imputado en todo caso formalmente. Polo de agora, dixo, "non hai indicios". 

Polo Grupo Mixto, Carmen Iglesias, exixiulle que sexan asumidas "responsabilidades políticas" por un presunto delito de "acoso sexual" de acordo coa definición recollida na Lei para o tratamento integral de violencia machista aprobada en Galiza en 2005. "De responsabilidades penais xa se encargará a xustiza", dixo Iglesias. "Non se escaquee". 

O Baltargate á UE

A vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz avanzou que a eurodeputada de Izquierda Unida, Marina Albiol, levará perante as institucións europeas o caso ao abeiro da Directiva 78/2000 relativa á igualdade de tratamento no emprego e na actividade profesional. 

Díaz instou a Feijóo, aliás, a deixar de "facer o ridículo" e botar a Baltar do PP. 

Comentarios