TESTEMUñOS NA XV ASEMBLEA NACIONAL

Catro voces en Palexco

Tomámoslles o pulso a persoas participantes na Asemblea Nacional do BNG que está a ter lugar no Palexco. Todos os testemuños coinciden en apuntar á necesidade dun debate de ideas. 

Tomámoslles o pulso a persoas participantes na Asemblea Nacional do BNG que está a ter lugar no Palexco. Todos os testemuños coinciden en apuntar á necesidade dun debate de ideas. Preguntámoslles que esperaban da Asemblea e que rumbo ten que encetar o Bloque.

Diego Moreira (Soutomaior): DIEGO"Espero que o BNG siga a ser o referente do nacionalismo galego"

"Participo na Asemblea do BNG por vez primeira, coa idea de que saia de aquí un Bloque coas ideas claras e cun rumbo certo para o nacionalismo galego.

Polo de agora, a Asemblea transcorre como era previsíbel, con moito debate. Sorprendeume a coherencia expresada polos integrantes da candidatura encabezada por Carlos Branco, con cuestións que me pareceron acertadas no seu discurso. Penso que van ter máis apoios do esperado. Eu comparto a lista oficial pola súa aposta en ser o de sempre, sen complexos e sen deixarse levar polas situacións. Ademais, gosto de que aposte na mocidade e nas mulleres.

Espero que o BNG siga a ser o referente do nacionalismo galego e non vaia buscar fóra as solucións que temos na casa, con independencia dos resultados electorais".

Nerea Costa (Carballo): "Houbo debate, pero tiña que haber aínda máis"

"Esperábame hoxe un debate de ideas e de política para un futuro non só de cara ás novas eleccións, senón de cara a un proxecto para o país. Xa supuña que a emenda de Carme Adán e de Tereixa Paz non ía pasar e, finalmente, a liña do Consello Nacional foi a máis éxito espertou.

O debate hoxe era importantísimo. Houbo debate, pero tiña que haber aínda máis".

Julio Moskovich (A Coruña): "Quero unha forza exclusivamente nacionalista que defenda os intereses da Galiza"

mOSKOVICHEsperaba máis confrontación nos debates da mañá. A emenda máis controvertida era a de Aymerich e nin sequera implicou a confrontación que agardaba. De feito, apenas tivo apoio.

O que boto en falta é que non se chame as cousas polo seu nome: as emendas á totalidade falan de confluencias, de abrir a organización… tal e como o expoñen podería subscribilas calquera, mesmo eu, que estou co relatorio oficial porque é o máis coherente, mais na realidade o que se busca con ese tipo de emendas é pregarse aos intereses e esixencias da marea e desaparecer como formación nacionalista.

O BNG debe ser unha organización política propia, con discrepancias, como é normal e como acontece con todo colectivo. Temos que ter as ideas moi claras para ser unha forza exclusivamente nacionalista que defenda os intereses da Galiza.

Águeda Rei (A Coruña): "A xente necesita un espazo nacionalista ao que votar"

AGUEDALevo aquí desde primeira hora e estou orgullosa porque este é un espazo democrático. Agora que tanto se reivindica unha democracia real, esta Asemblea é un exemplo de democracia participativa.

Espero que todas as persoas que se identifican cunha corrente atopen o seu espazo dentro do BNG.

Para o BNG o que desexo é que debe someterse a un proceso de adaptación á sociedade, pois esta cambiou. Temos a ferramenta ideal para escoitar a xente e sempre estivemos aí, coa xente. Quero que fagamos o esforzo de escoitar aínda máis.

A xente necesita un espazo nacionalista ao que votar. Temos problemas específicos como nación e é necesario que se perciba este espazo como a alternativa. Non vería mal un acordo postelectoral para poder botar fóra o PP.

Comentarios