“A Operación Jaro é pura política, unha coartada para satanizar o independentismo galego”

Sabela e Óscar son dous dos nove independentistas galegos encausados pola Audiencia Nacional a raíz do operativo desenvolvido a finais de 2015. Sobre estas nove persoas penden acusacións de “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo”. Unha manifestación convocada por máis de 70 entidades pide este domingo 23 o arquivo da causa. 

causa galiza
photo_camera Imaxe: GZ Contrainfo

Este domingo, unha manifestación convocada por máis de 70 entidades percorrerá Compostela para pedir o arquivo da causa que pende sobre 9 independentistas galegos a raíz da Operación Jaro. Falamos con dous deles, Sabela e Óscar. 

- Máis de 70 entidades apoian a manifestación deste domingo 23 polo arquivo da causa contra vós. Ao longo destes  meses, apostastes en desenvolver unha campaña informativa e de denuncia, apelando á solidariedade da sociedade e á súa implicación, como co manifesto Abrolhar.

- Os nosos obxectivos desde que saímos libres con cargos tras a operación foron rachar o bucle da criminalización e a dinámica de illamento social que pretenden este tipo de montaxes, darlle a volta á situación e provocar un certo efecto búmeran, que servise para evidenciar a existencia da represión política e espise a auténtica natureza deste rexime neofranquista de 1978. Penso que, en certa medida, conseguímolo. Que 70 entidades de todo tipo convoquen unha manifestación nacional en apoio aos procesados, que case 600 persoas leven asinado un manifesto que rexeite a montaxe da Garda Civil, ou que hoxe sexa unha idea estendida a de que a operación foi un golpe para abortar o crecemento da posición independentista neste país indica, desde a nosa óptica, que alcanzamos os obxectivos propostos. E isto é independente de como desexe finalmente construír politicamente a Audiencia Nacional a resolución do proceso. Neste sentido, pensamos que a manifestación do próximo domingo será o corolario dun traballo exitoso de socialización e denuncia que se prolongou durante estes meses.

A manifestación do domingo será o corolario dun traballo de socialización e denuncia que se prolongou durante  meses.

 - A Audiencia Nacional recuou a comezos de ano na ilegalización de Causa Galiza, mais mantivo o proceso contra os 9 independentistas encausados. Sabor agri-doce?

- Hai 9 persoas que seguimos encausados con imputacións que de se materializaren suporían penas de cárcere. A suspensión da medida cautelar de ilegalización é unha vitoria parcial e implica certa marcha atrás da Audiencia Nacional a respecto de 2015, o por que, descoñecémolo. Poderíase interpretar que foi froito do traballo feito e da presión social xerada. Sen dúbida, tivo a súa importancia. Con todo, este tipo de decisións responden máis aos intereses, ritmos e obxectivos da política represiva do Estado contra o independentismo galego nun plano máis global. Somos conscientes de que estamos nun tribunal político de excepción e iso implica que aquí hai que relativizar a lóxica xurídica, que levaría a pensar que se debe arquivar o sumario ao voltar á legalidade Causa Galiza. De feito, pode darse o sen sentido de que isto vire en procesos individualizados nos que, a partir de “probas” confeccionadas pola Garda Civil, que é quen dirixe a dinámica política do sumario, todas ou parte de nós vaiamos a xuízo na Audiencia Nacional.

- Na vosa comparecencia após a decisión de revogar a ilegalización afirmastes que se "gañou un pulso" á Audiencia Nacional. Satisfeitos do apoio e solidariedade recibida ao longo destes meses?

- Gañamos o pulso xa antes do auto de Eloy Velasco, porque logramos rachar o cordón sanitario que o Ministerio de Interior pretendeu impor ao independentismo galego co discurso “antiterrorista” e posicionamos a práctica totalidade do tecido asociativo do país contra a ilegalización e polo arquivo da causa. Isto, nas nosas condicións, só se pode cualificar de éxito. A maiores, recuperamos o estatus legal de Causa Galiza contra todo prognóstico. Se temos en conta que o obxectivo da operación era liquidar unha pequena organización, esmagar política e persoalmente a súa militancia e facer con nós un proceso exemplarizante, neste intre o balanzo só pode ser positivo: mantemos as nosas posicións político-ideolóxicas, demos un modesto exemplo de resistencia e Causa Galiza pode afrontar o seu futuro. Desde a nosa óptica, a reacción de case 80 axentes sociais, sindicais e políticos foi clave para estarmos neste escenario.

Somos conscientes de que estamos nun tribunal político de excepción e iso implica que aquí hai que relativizar a lóxica xurídica

- Como foron estes meses para vós a nivel persoal e da vosa contorna familiar e afectiva?

- Houbo aspectos positivos e negativos. Respecto aos segundos, hai que destacar o desgaste psicolóxico e a incerteza de termos sobre as cabezas a espada de Damocles do cárcere, ademais do custe económico que supón para cada un de nós. Cada quen xestionouna da mellor maneira posibel. Ademais, a vixilancia policial e os seguimentos constantes e as tensións que toda esta situación provocou en nós. Destruír a identidade das persoas e atomizar e disolver as redes organizativas son obxectivos de manual da represión e o noso caso non foi distinto. Estas consecuencias tamén as están a pagar as nosas contornas sociais e afectivas: tras o forte golpe inicial, unha incerteza que durará encanto o sumario siga aberto. Con todo, no positivo, saímos fortalecidas da operación como persoas, como militantes e como proxecto político e pensamos que a operación tivo un certo efecto búmeran que é común neste tipo de procesos: constatou a natureza antidemocrática do réxime e visibilizou o independentismo galego como aposta política, que é do que se trata finalmente.

- A 'Operación Jaro' tivo, ten, unha vertente política, denunciades, a de "reducir o independentismo a un problema de orde pública".

- A Operación Jaro é pura política. A chamada “loita antiterrorista” foi a coartada para velar os seus motivos reais: satanizar o independentismo galego para abortar as súas potencialidades, encorsetalo no bucle sen saída da represión e impor climas de terror e autocensura que se transmiten a outros sectores sociais. Ademais, a Operación Jaro tratou de abortar o embrionario e complexo proceso que supón edificar un proxecto soberanista neste país. O Estado coñece a realidade de empobrecimento e precarización masivas, é consciente da súa crise de modelo organizativo, político e económico e actúa preventivamente, contendo, a través do medo e da represión, a maduración natural de crecentes sectores populares cara posicións rupturistas, e no caso das nacións sen estado, independentistas. A oligarquía española ten dous boquetes irreparábeis abertos en Euskal Herria e os Països Catalans e farán o imposíbel para evitar unha terceira frente en Galiza. 

É imprescindíbel edificar un proxecto político independentista que trace unha estratexia concreta de ruptura con España

- Causa Galiza vaise rexistrar como partido perante o Ministerio do Interior. Un paso que enmarcades nun pulo a dar para organizar politicamente o independentismo. Como se avanzaría nese obxectivo?

- A “vía estatutaria”, na que moitos sectores nacionalistas cifraron na práctica as posibilidades de avanzo como país, está liquidada. Abonda constatar as taxas de avellentamento, a continuidade da sangría migratoria, a destrución do noso entorno natural, da nosa lingua e cultura, dos sectores primarios e o espolio dos recursos.  Isto está comunmente asumido na teoría. Mais o dilema é práctico, igual que hai 40 anos, reforma ou ruptura; maquillaxe autonómica, ou soberanía plena. Neste punto estamos.

Desde a nosa óptica, é imprescindíbel edificar un proxecto político independentista que trace unha estratexia concreta de ruptura con España para as próximas décadas pensando en gañar máis que en resistir. Neste sentido, estase a traballar para avanzar neste proceso, definir unha folla de rota inicial, actualizar a lectura independentista do escenario nacional e internacional, consolidar unha estrutura organizativa básica, clarificar a táctica, etc. As potencialidades están aí e hoxe existen sectores sociais capacitados para sustentar este proxecto e a única garantía da súa construción é o compromiso militante.

Comentarios