A opacidade da Xunta cos proxectos Next Generation acende o Parlamento

Tenso pleno con críticas á Xunta pola opacidade dos seus proxectos Next Generation e o "baile de crifras".
O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Gonzalo Caballero, no debate no Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Gonzalo Caballero, no debate no Parlamento galego (Foto: Arxina)

A falta de información que rodea os proxectos do Executivo galego para concorrer á obtención de fondos de reconstrución Next Generation da Unión Europea xera un crecente malestar na oposición a medida que van pasando os plenos do Parlamento galego, e esta cuarta feira, 10 de febreiro, a Cámara acabou vivindo un tenso debate.

Desde o BNG acusan a Xunta de ocultar o contido dos proxectos e as empresas coas que o Executivo os están a crear, e advirten dun incongruente "baile de cifras" en cada rolda de prensa que o presidente da Xunta ofrece sobre estes proxectos.  

Durante o debate parlamentar, a líder do BNG, Ana Pontón, criticou que a información ofrecida pola Xunta sobre os proxectos europeos se limite a "un Power Point cutre de 12 folios" en que "as cifras non corresponden cos investimentos anunciados".

Pontón acusou un "baile de cifras" sobre as iniciativas sinalando que a “17 de outubro" a Xunta anunciou "sete proxectos por 3.200 millóns de euros e 18.000 empregos" para "a 22 de outubro os proxectos multiplicárense até 108 por 9.400 millóns e a 29 de xaneiro, após o encontro co presidente do Estado, Pedro Sánchez, os 108 proxectos pasasen a cinco”; uns datos cambiantes que cualificou de “cerimonia da confusión”.

“Non é serio, e resulta  evidente que esta mestura de opacidade e propaganda é para tapar que detrás non hai nada, nin proxecto nin visión de país”, denunciou. 

Sobre os fondos Next Genration que o Estado recibirá da Unión Europea para a recuperación, o BNG quere para Galiza 9% deles (12.600 millóns) e a súa xestión directa, polo que Pontón cargou contra Feixoo por "renunciar" a pedir a xestión dos recursos e por conformarse con recibir 4,6%, dixo en alusión á reunión que o mandatario galego mantivo hai dúas semanas co presidente español. 

Feixoo reivindica o seu papel ante Sánchez    

Pese á insistencia do BNG, o presidente da Xunta non afondou en datos sobre os proxectos europeos, e reivindicou o seu papel na reunión que mantivo con Sánchez, reprochando ao mesmo tempo a Pontón a súa participación nun mitin o pasado domingo con Oriol Junqueras (ERC) e Arnaldo Otegi (EH Bildu).

Feixoo subliñou que acudiu á Moncloa para "defender os intereses da Galiza", o que se reflectiu en "105 folios" en que se recollen, "un por un",  os intereses do país, entre os que salientou o compromiso dun reparto de vacinas a Galiza en función do número de poboación á que van dirixidas e non "en función a criterios descoñecidos como até agora". 

O mandatario galego aproveitou o pleno para criticar a "falta de compromiso" do Executivo de Sánchez coas infraestruturas galegas e referiuse a transferencias como as de Costas, logo de que Pontón recordase que nos seus 12 anos de Goberno na Xunta non logrou unha soa competencia nova para a Galiza. 

O titular da Xunta tamén reclamou ao Estado que deixe a Galiza o "dereito civil", para que "non se meta coas herdanzas en vida", ou "algo tan elemental" como promover o Xacobeo 21/22, as políticas da PAC ou do Brexit. Por último, censurou que a Galiza, a "comunidade con maior dificultade para prestar os servizos públicos", sexa a que recibe "menos diñeiro por habitante xunto a Castela e León. "Isto son os intereses da Galiza", subliñou Feixoo, afeando a Pontón o apoio do BNG á investidura de Sánchez.

"Rescatar e economía"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo o foco no pleno na necesidade de “rescatar a economía”, toda vez que “pasan os días” e a Xunta “segue sen levar ao Diario Oficial da Galiza (DOG) o segundo paquete de apoio para "os negocios aos que puxo o candado o pasado 26 de xaneiro”.

“Hostaleiros, comerciantes, ximnasios, traballadores da cultura… están ao límite”, asegurou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que estes sectores “necesitan ter na Xunta un aliado”.

Desconfinamento

O líder dos socialistas aproveitou a sesión de preguntas ao presidente para solicitar un "desconfinamento adecuado" e non caer no erro de "salvar Semana Santa", logo de afear a estratexia de Feixoo de "Salvar o Nadal". En resposta a Caballero, Feixoo, asegurou que a Xunta porá en marcha un desconfinamento "medido" e "gradual".

Comentarios