Ons e as camisetas animan o Parlamento na véspera do debut de Caballero

O Parlamento comezou o penúltimo período de sesións da lexislatura con Gonzalo Caballero asumindo o liderado dos socialistas, sentado á dereita de Leiceaga, o ex candidato e o futuro candidato á presidencia da Xunta da man e a espera do cara a cara con Feixoo desta cuarta feira; comezou tamén coa estrea dun novo deputado no grupo agora chamado Común da Esquerda; e co PP facendo valer a súa maioría para desbotar as iniciativas da oposición. Todo dentro da normalidade. 
Parlamento de Galiza Xan Xove, novo deputado do grupo Común da Esquerda
photo_camera [Parlamento de Galiza] Xan Xove, novo deputado do grupo Común da Esquerda.

Xan Xove, sindicalista, membro da Marea Atlántica coruñesa, estivo acompañado por Xulio Ferreiro e comprometeuse a acatar a Constitución e o Estatuto “por imperativo legal” e dixo que traballará para rematar coa “infame época de Feixoo”.

O PP rexeitou, entre outras propostas, a moción da nacionalista Noa Presas sobre a protección das persoas galegas usuarias de produtos financeiros que pedía pór en marcha un programa de formación e prevención de abusos en materia financeira a través do Instituto Galego de Consumo. O PP sostén que a regulación, o control e a supervisión das entidades financeiras é unha competencia estatal e europea.

Tamén rexeitou a moción presentada por Paula Quinteiro, do grupo Común da Esquerda, na que se reclamaba da Xunta unha auditoría pública ao sindicato Xóvenes Agricultores (que cesou a súa actividade no 2016 a instancias dun xulgado). Quinteiro subliñou que a Xunta consentiu “que un patrimonio que tiña que estar destinado a actividades de interese agrario, se destinou a intereses de Juan Pérez Miramontes, o seu presidente”. Desde o PP, Moisés Blanco lembrou que o caso de Xóvenes Agricultores está na vía xudicial, “deixemos traballar á xustiza”.  

En abril, un xulgado de Compostela decretou prisión provisional sen fianza para Pérez Miramontes, investigado nun caso de trata de mulleres. Quinteiro pediu, sen éxito, que o PP aclarase as relacións que mantivo e mantén o partido no goberno con Miramontes.

Na quenda da mañá, os grupos debateron tamén sobre o Xacobeo ao fío da comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo para dar conta dun plan estratéxico que, segundo Román Rodríguez, “dará un impulso á rede de albergues [os 70 que existen] e creará outros novos para descentralizar os fluxos turísticos entre as diferentes rutas”. Á oposición non lle parece un plan acaído, criticou a ausencia de diálogo e mesmo o BNG incidiu en que se aproveite o Xacobeo para promover a lingua propia. A portavoz de Cultura socialista, Concepción Burgo, contrastou o “trágala” que significa este plan con relación ao feito en 1993, que foi presentado e acordado con tódolos grupos parlamentarios antes de ser aprobado.

Ons camiseta Bará"A aldea gala"

Pola tarde, a “aldea gala” de Ons espertou un debate tenso coa  prohibición de camisetas e outros símbolos nas bancadas do público de fondo, unha norma que pretende levar “o decoro” á cámara segundo os populares. De “aldea gala” falaron Luís Bará (BNG) e Marcos Cal (Común da Esquerda). O parlamentario nacionalista, con camiseta para a ocasión; mentres que o deputado de Podemos dixo que buscaría unha para a próxima ocasión. “Queren un Parlamento amordazado, a xente quere poñer unha camiseta”, dixo Bará, e elevou o ton: “Isto non é unha democracia, isto é unha auténtica vergoña. Acabouse o feudalismo, señora conselleira”. Cal, pola súa banda, fixo énfase en que o PP creou “unha problemática onde non a había”, mentres a parlamentaria socialista Pirres López advertiu que as veciñas de Ons “non merecen ser tratadas como esa molesta mochila da que se ten que desfacer a Administración” e asegurou que teñen a “sensación toda intervención pública na Illa pasou por unha perda de dereitos”. O portavoz do PP, Gonzalo Trenor, respondeu que a oposición non entenderá nada e que do que se trata é de aprobar un plan reitor para o Parque Illas Atlánticas, e a conselleira dixo que o que fai a oposición é “desacreditar aos técnicos”. Todo dentro da normalidade.

Todos os grupos da oposición coincidiron tamén na denuncia dos "recortes" que en Sanidade. No debate dunha iniciativa dos socialistas, afondaron na situación dos centros de saúde durante as vacacións de verán. O deputado do PP Aurelio Núñez defendeu que desde a Consellería de Sanidade "se están a tomar medidas" na Atención Primaria a través dun consello formado "por 55 técnicos de recoñecido prestixio".
 
Malia os desexos do PP por conservar “o decoro” na cámara, non faltaron as camisetas alusivas ao conflito en Ons. Bará tiña a súa, e Luís Villares tamén se fixo con unha. A batalla das camisetas daría para novas emocións no arranque do curso se non fora porque esta cuarta feira, 11 de setembro, unha data con reminiscencias, entran en acción os primeiros espadas. Debuta Gonzalo Caballero ao fronte do PSdeG e tamén ao fronte da oposición parlamentaria a Feixoo.

Comentarios