Once ordes relixiosas acaparan once dos dezaseis programas de apoio ás mulleres xestantes promovidos pola Xunta

As deputadas do Bloque exixiron á Xunta de Galiza que suprima estas entidades da "Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade" e inste ao goberno de Madrid a frear a reforma da Lei do aborto anunciada por Alberto Ruíz Gallardón. 

photo_camera [Imaxe: SG]


Congregación Hijas del Divino Cielo, congregación relixiosa Siervas de la Pasíón-Hogar Santa Isabel, Betanía de Jesús Nazareno, Rebaño de María, Asociación de Axuda á Vida ou Red Madre son algunhas das entidades que xestionan os programas de apoio ás mulleres xestantes recollidos na “Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade” publicada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Das dezaseis entidades que a listaxe publicada polo goberno galego contempla, once delas están xestionadas por ordes relixiosas cunha manifesta oposición ao dereito ao aborto. 

O grupo parlamentar do BNG vén de presentar unha iniciativa encamiñada á supresión destas entidades da listaxe de organizacións que fornecen "apoio ás mulleres xestantes" e exixe ao executivo que determine cantas mulleres foron atendidas a través das mesmas. Segundo a deputada nacionalista, Carme Adán, a Xunta debe "suprimir as referencias á Red Madre da información que se facilita ás mulleres" grávidas que deciden interromper o seu embarazo pois as devanditas organizacións son "contrarias aos dereitos en igualdade" e, nomeadamente, opositoras ao aborto. 

Para a deputada do Bloque --que compareceu acompañada polas restantes representantes do grupo parlamentar, Tereixa Paz, Ana Pontón e Montse Prado--  as políticas desenvolvidas pola Xunta de Galiza nos últimos anos son "contrarias á igualdade" que pregoa como reflicten o endurecemento dos "requisitos da prestación económica de pagamento único" para 2013, o "repagamento dos comedores escolares" ou as limitacións impostas nos horarios de escolas infantís públicas. 

Exixen ao goberno de Núñez Feijóo que se posicione a respeito da re-penalización do aborto 

As deputadas nacionalistas presentaron unha proposición non de lei pola que instarán á Xunta de Galiza a rexeitar a reforma da lei de saúde sexual e reprodutiva que prevé aprobar o executivo de Mariano Rajoy. Para Adán, as declaracións do ministro de Xustiza español a respeito das mudanzas que se introducirán na norma avanzan "un grave retroceso" naqueles "dereitos que as mulleres considerabamos adquiridos", indicou, ao impor "o programa ideolóxico dos grupos ultra-relixiosos" que orbitan na esfera do Partido Popular. 

Neste senso, instan ao goberno galego a se "pronunciar con clareza" no Parlamento a respeito da reforma prevista polo executivo español e a garantir o mantemento e desenvolvemento da lei vixente en Galiza. 

Comentarios