Davila avanza que o BNG demandará soberanía económica no debate de política xeral

Debate de política xeral no Congreso. Non foi sen tempo. Após un ano e tres meses da súa investidura como presidente do executivo español, Mariano Rajoy submeterase hoxe e mañá ao escrutinio da oposición. 

Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

Coa corrupción que asolaga as filas do Partido Popular como pano de fundo, o líder d@s populares terá de responder ás demais forzas políticas. A poucas horas de comezar o debate (faino esta mañá, apartir das 12 h, coa intervención de Rajoy), Sermos Galiza fala con Olaia Fernández Davila, voceira do BNG no Congreso español. A quenda da portavoz nacionalista chegará esta quinta feira, apartir das 9 horas.

Un ano e tres meses de Goberno até que se convoca o primeiro debate destas características, como valora a decisión do Partido Popular de adiar a convocatoria?
A estas alturas iso xa non é unha novidade. Xa se lle ten reclamado o debate noutras ocasións. Neste senso, as actuais circunstancias agravan a nosa valoración da respecto das accións de goberno tan nefastas desenvolvidas polo PP durante este tempo e ás que agora se lle suman os escándalos de corrupción que atinxen non só o PP e o Goberno senón tamén a Coroa. Estamos nun momento onde se ve que todas as características propias dun sistema neoliberal despótico se manifestan de maneira máis clara.

"Os escándalos de corrupción non atinxen só o PP e o Goberno, senón tamén a Coroa"

A vice-presidenta xustifica a decisión e mesmo asegura que non é a primeira vez que acontece. Porén, a situación política, económica e social non ten precedentes...
Tenas habido nas anteriores lexislaturas, aínda que o habitual é que un debate destas características se produza en xuño. Botan man desa escusa para xustificar a súa decisión. Non se atreveron a facer o debate antes dada a gravidade da situación económica e dadas as dúbidas que existían a respecto do rescate á economía española. Neste senso, decidiron deixalo para un momento en que esas incertidumes estiveran despexadas ou, cando menos, en que se deixase de se falar desa posibilidade. Ora, se ben se libraron desa espada de Damocles que viña a ser o rescate, agora complicaron o debate cos escándalos de corrupción en que se están a ver inmers@s importantes figuras do Partido Popular.

"No pouco tempo que temos non imos permitir que a corrupción solape a realidade socieconómica á que nos abocou o Goberno de Rajoy"

O Goberno de Rajoy ten múltiples frontes abertas: os índices de desemprego, a reforma laboral, o repagamento sanitario, a LOMCE, as taxas xudiciais, o rescate á banca... Cre que a corrupción no seo do PP solapará a crise social?
Preocúpanos, por suposto, que o debate da corrupción solape a realidade socieconómica á que nos abocou o Goberno español. Mais, pola nosa banda no pouco tempo que temos non imos permitir que iso aconteza. Porén, trataremos na medida en que poidamos ese tema, pois afecta a membros do Goberno e salfire directamente o presidente do executivo.

Cales serán os temas que centrarán a súa intervención?
Imos facer unha crítica desde o punto de vista político-ideolóxico ao goberno, tamén centradas naquelas cuestións socioeconómicas que están negando dereitos á cidadanía ou deteriorando e eliminando servizos públicos fundamentias. Do mesmo xeito, defenderemos cuestións relacionadas con Galiza que son claros incumprimentos do programa electoral co que se presentaron ás eleccións e que nós xa advertiamos que non se ían levar a cabo. Falaremos do sector naval, do pesqueiro ou da parálise de infraestruturas, entre outras cuestións. A nosa intervención centrarase na reivindicación de maior soberanía económica para Galiza á fin de posuírmos a nosa propia Axencia Tributaria e garantir así o financiamento de servizos como sanidade e educación. Trataremos, en fin, os temas que son fulcrais para mellorar a situación da Galiza.

Comentarios