Ofensiva institucional do BNG contra a débeda do Porto da Coruña

Ana Pontón anunciou que a súa formación vai pór en marcha unha ofensiva institucional para reclamar a condonación da débeda a través de iniciativas no Concello, no Parlamento e no Congreso.

Franciso Jorquera e Ana Pontón na Coruña (Foto: Nós Diario)
photo_camera Franciso Jorquera e Ana Pontón na Coruña (Foto: Nós Diario)

O BNG considera que a Xunta da Galiza e o Concello da Coruña deben facer fronte común para que o Estado condone a débeda de 333 millóns de euros do Porto da Coruña, do mesmo modo que condonou a do Porto de Valencia. Mais o Bloque denuncia que "lonxe de exixir trato xusto para Galiza", a resposta de PP e PSOE "é gastar 20 millóns para comprar uns terreos" -os que ocupan as dársenas de Calvo Sotelo e Batería-, que xa son públicos e propiedade lexítima da cidade.

Isto, din, supón admitir unha discriminación coa cidade e co país. Por iso a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou esta quinta feira, 23 de setembro, que a súa formación vai pór en marcha unha ofensiva institucional para reclamar a condonación da débeda a través de iniciativas no Concello, no Parlamento e no Congreso.

“Non ten sentido pagar con diñeiro público polo que xa é público porque eses terreos foron gañados ao mar para usos portuarios e, unha vez liberados deses usos,  o que procede é a súa devolución sen cargas ao seu lexítimo propietario que é a cidade da Coruña”, indicou a líder do Bloque nunha comparecencia co portavoz municipal nacionalista, Francisco Jorquera.

Pontón pediu á Xunta e Concello que deixen o seu “pim pam pum” que só busca branquear un agravio e “despistar” a cidadanía ante o feito de que ambos renuncian a defender o que é xusto: "que A Coruña reciba o mesmo trato que Valencia".

“Se Valencia conseguiu a condonación é porque a Generalitat exerceu presión política real, non se limitou a facer declaracións aos medios”, alegou para criticar o papel da Xunta e o Concello.

“O nove de setembro todos os grupos estivemos no pleno municipal a favor da condonación, pero o que vemos agora é como a Xunta e o Goberno local ultiman unha opción de compra ofrecendo unha cantidade de diñeiro que, ademais, supera amplamente o prezo de taxación publicado. PP e PSOE din unha cousa e a contraria, e un portavoz do Goberno municipal alegou que queren a condonación pero que non lles parece realista. É evidente que a derrota é segura cando xa se dá por perdido o partido”, indicou Jorquera.

Ante esta situación, o BNG anunciou que defenderá "en todos os ámbitos institucionais" que o Goberno español asuma a débeda porque corresponde a unha obra decida en Consello de Ministros, “en teoría  como compensación polo Prestige”, lembrou Pontón. Pero, a día de hoxe, o Estado fai caixa a costa dos coruñeses e das coruñesas que xa levan pagados 39,5 millóns só en intereses, “4 millóns cada ano sen que a débeda se reducise o máis mínimo”.

Comentarios