Oda á porra

O debate a 5 desta segunda feira nas televisións estatais foi unha posta en escena da reacción contra a rebelión catalá e un lavado de cara do discurso máis retrógrado que empeza a abrazar mesmo o PSOE, cun Pablo Iglesias demasiado preocupado por mendigar unha coalición de Goberno sen medir ben a deriva dos socialistas cos que pretende acordar.
Debate
photo_camera Os cinco candidatos das forzas estatais, no debate desta segunda feira en Madrid.

A pregunta que ía enmarcar o debate formulouna o presentador, Vicente Vallés, aos cinco minutos de comezar: “Que debe facer o próximo presidente do Goberno para garantir a orde constitucional en Catalunya?”

Diso ía a cousa: a posta en escena da reacción conservadora dun réxime conservador ferido de morte e nunha deriva autoritaria que cuestiona os mesmos valores da democracia liberal. Pola tarde, en Barcelona, coa visita do Rei colonial e da herdeira expresándose na lingua indíxena; pola noite, en Madrid, na Academia de Televisión -con apelacións dos actores a regular as televisións públicas para que só manipule quen debe manipular-, nunha oda á porra colonial, esgotados os valores democráticos, cunha operación de lavado e normalización dun discurso ultramontano, o de Vox, a quen ninguén emendou nin cando falou de suspender a autonomía catalá, ilegalizar partidos, “deter e esposar” o presidente da Generalitat ou retirar a sanidade pública aos inmigrantes. 

Así están as cousas por España, coa centralización dura tomando posicións, a branda de Rivera convertido nunha caricatura (por branda), coa dereita de Casado propoñendo unha “moratoria competencial” e co socialismo perdendo até a súa sombra e abrazando o discurso máis retrógrado e funcional aos intereses do Réxime’78. E Iglesias?

Iglesias mendigando un anaco de Goberno e apañando golpes de Abascal sen ser quen de responder cunha breve lección de historia ás mentiras que sen rubor propaga á reacción. Iglesias pendente de comentar con rutina populista o plano cenital ao inicio da retransmisión coas limpadoras pasando a fregona que non ía de xénero, porque na televisión nada é casualidade, senón dunha mesma posta en escena que, corenta anos despois, informase ao público -porque a televisión é invencíbel- que as cousas non mudaron nin van mudar tan fácil.

Si, desta volta, Galiza apareceu como anécdota no debate e todos os candidatos pronunciaron o nome da colonia cando menos unha vez mentres falaban das colonias. Mesmo Pablo Iglesias quen, inxenuo, quixo explicar aos espectadores da oda que de tanto falar de Catalunya, a ver se a xente vai pensar que os madrileños non se preocupan dos demais: Extremadura, as illas e Guadalaxara, dúas veces na mesma relación da lista de Sánchez sobre a España baleira. Ou Abascal, criticándolle a Casado que Feixoo teña dito (igual si) que Galiza é unha nación histórica. E Casado, lembrándolle a Sánchez que aquí, na colonia, veñen pactando con independentistas.

Non se tratou a cuestión como unha encrucillada política, senón como un problema de “convivencia” (Sánchez) ou directamente de “orde”. Todos. Con Iglesias sen ser quen de ofrecer unha alternativa, tan ocupado como anda mendigando a coalición de goberno

O debate deixou claro que desde Madrid só se ven dúas realidades: a España que non interesa, e a Catalunya que tanto preocupa. Era iso, non? Que facer con Catalunya? Non se tratou a cuestión como unha encrucillada política, senón como un problema de “convivencia” (Sánchez) ou directamente de “orde”. Todos. Con Iglesias sen ser quen de ofrecer unha alternativa, tan ocupado como anda mendigando a coalición de goberno. 

O debate sobre Catalunya sen forzas políticas catalás na mesa, sobre a cuestión territorial sen forzas nacionalistas (enténdase, non españolas) na mesa, sobre as limpadoras, as reformas laborais e a España baleira sen máis realidade da que se albisca desde Madrid na mesa... un debate sobre o Estado sen a maior parte do Estado presente

A España de Sánchez, Casado e Abascal (Rivera xa non conta) e o ausente Iglesias dá medo, é un burato negro no que desaparecen as esquerdas e na que as grandes propostas para o futuro son endurecer o Código Penal, meter máis políticos presos, crear un ministerio da (re)poboación ou que goberne a lista máis votada para ir eliminando ideas e políticos aos que non se pode (aínda) meter presos. 

Comentarios