ANA PONTóN, NOVA PORTAVOZ NACIONAL DO BLOQUE

"O nacionalismo é un proxecto vital para Galiza"

Sermos entrevista Ana Pontón no número 185 do semanario, apenas dous días despois de se tornar en portavoz nacional do BNG. Eis aquí un pequeno avanzo da conversa.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

Ana Pontón (Sarria, 1977) vai pilotar desde a portavocía nacional do BNG a refundación da fronte nacionalista. Non a vexo abrumada, mais si consciente da responsabilidade que asume. No seu discurso pesa moito máis o “nós” do que o “eu”, aliás expresa con moita clareza as súas propias conviccións. Xa en Palexco mostrou cal debe ser a folla de rota do BNG: ir a unha Refundación con “vocación de apertura”. Ten 38 anos e non se pon ningún límite.

Non produce unha certa vertixe asumir a portavocía nacional dunha organización que vai encetar un proceso de Refundación?

O primeiro do que gostaría é agradecer á militancia a súa participación nos debates, que dese ideias, que formulase propostas. Iso enriquece unha organización. Eu creo que máis que vertixe o que temos que ter é ilusión por poder iniciar cambios na organización que son necesarios e van ser fundamentais para reposicionar o proxecto nacionalista no futuro.

miniatura

Nese sentido que balanzo fas da Asemblea?

Foi moi positivo que tivésemos un debate maduro, rico, onde todas e todos mostramos autocrítica e capacidade para alcanzar acordos. Vin moita ilusión na militancia nos cambios que estamos promovendo e sobre todo convicción de que o nacionalismo é un proxecto vital para Galiza e de que debemos fortalecelo.

A íntegra da entrevista -unha dupla páxina- tela ao teu dispor no número 185 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e nas moradas das persoas asinantes.

Comentarios