Néstor Rego, número 1 do BNG pola Coruña

"O obxectivo da campaña é claro: que Galiza recupere a súa voz"

Néstor Rego encabeza a candidatura do Bloque pola Coruña para o Congreso. Profesor de lingua galega e literatura, naceu no Vicedo en 1962 e participa do nacionalismo desde 1977, cando comezou o seu activismo en ERGA. Participou tamén da fundación dos CAF e do propio BNG, e foi tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Santiago (1995-2008). É portavoz dos 19 de Meirás, denunciados pola familia Franco por protestar contra o espolio do pazo.

Nestor_Rego_3_Foto_de_BNG
photo_camera Néstor Rego

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Realmente o que está en xogo é a mesma presenza política de Galiza como nación, unha voz soberana que defenda os seus intereses e os seus dereitos colectivos. Esa voz que millares de persoas botaron en falta nestes anos en que o noso país, os seus problemas e as súas necesidades estiveron ausente do debate nas Cortes. E iso tivo consecuencias prácticas moi negativas en termos políticos, sociais e económicos, quer falemos de recursos, investimentos, desatención de situacións graves como a crise industrial en curso, etc... quer de perda de oportunidades e de capacidade de decisión propia.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Foi, desde este punto de vista, unha lexislatura perdida para Galiza. A falta dunha voz soberana como a que representa o BNG e o sucursalismo das forzas de obediencia española, vellas e novas, provocou que ningunha das demandas formuladas, mesmo aquelas que tiveron apoio do Parlamento galego, como a transferencia da AP-9 ou das competencias de tráfico e seguranza pública e viaria, achasen resposta do goberno español.

Que dicir de cuestións fundamentais como un novo modelo de financiamento baseado no concerto económico que nos dese capacidade para xestionar os nosos recursos ou unha tarifa eléctrica galega que abaratase os custos de enerxía para as empresas e para as familias.

O colofón foron os Orzamentos do Estado para 2019, negociados por Podemos-En Marea co PSOE e votados a favor por estas forzas a pesar de seren os peores orzamentos de investimentos na Galiza en 17 anos.

Con orgullo daremos a batalla no Congreso en defensa da nosa lingua e da nosa cultura

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Hai un marco xeral, estrutural, que ten a ver coa situación de dependencia política que permite o espolio dos nosos recursos e do noso aforro, que se perpetúa cun modelo autonómico que non dá solución aos nosos problemas sociais e económicos e que provoca que un país rico en recursos e potencialidades se vexa empobrecido e con moita xente -especialmente a mocidade- abocada ao desemprego, á precariedade e á emigración.

E, nese contexto, sinalaría como principais problemáticas, en primeiro lugar a que ten a ver co desenvolvemento económico e o traballo: desemprego, precariedade, emigración... En segundo lugar, o deterioramento dos servizos públicos -sanidade, educación, dependencia...- como consecuencia das políticas de privatización que se están a desenvolver. E, en terceiro lugar, creo que entramos nunha situación complexa en relación co que nos conforma como pobo, particularmente en relación coa lingua, de novo no albo do ultraespañolismo para marxinala e excluíla aínda máis. Con orgullo e como expresión da autoestima colectiva como pobo, daremos a batalla tamén no Congreso en defensa da nosa lingua e da nosa cultura.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Todos e todas as do BNG, desde Francisco Rodríguez a Rosana Pérez, que ao longo de 20 anos fixeron un labor político excepcional e coherente de defensa dos intereses de Galiza e tamén dos seus dereitos colectivos como nación.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Creo que, dada a complexa situación que vive o noso país, máis que unha precísase toda unha batería de iniciativas en diferentes ámbitos. Loxicamente, a derrogación inmediata da LOMCE, da contrarreforma laboral e da Lei da mordaza. Mais tamén unha solución duradeira para a crise industrial en curso, cunha tarifa eléctrica específica para a nosa industria; a transferencia da AP-9 para acabar coa estafa tarifaria; a recuperación do Pazo de Meirás ou o pagamento da débeda que o Estado ten con Galiza en relación coa Lei de dependencia.

O BNG está a medrar de forma evidente

Como ve as opcións do BNG na cita electoral?

Creo que son boas. Vemos con optimismo e con satisfacción como moitas persoas que nas últimas eleccións optaron por outras vías partillan agora con nós o diagnóstico do que supuxo para o noso país a ausencia dunha axenda galega no Congreso e de representantes sen dependencias que a defendesen e por tanto tamén a necesidade de que o BNG entre de novo con forza no Parlamento español. O BNG está a medrar de forma evidente. Son tamén moitas as persoas que se están a sumar a nós e a colaborar nunha campaña que ten un obxectivo claro: que Galiza recupere voz propia nas Cortes.

Comentarios