O Tribunal de Contas abrirá dilixencias sobre o caso Someso

Asi llo fixo saber esta sexta feira ao grupo municipal do BNG após admitir a trámite o escrito enviado pol@s nacionalistas o pasado mes de xaneiro. O caso Someso custoulle ás arcas do concello da Coruña arredor de 40 millóns de euros. O principal responsábel político é o ex alcalde, Francisco Vázquez.
Xosé Manuel Carril
photo_camera Xosé Manuel Carril

O Tribunal de Contas acaba de admitir a trámite o escrito enviado polo grupo municipal do BNG ao Tribunal de Contas en relación ao escándalo Someso. Faino xusto no mesmo día en que a fiscalía anunciou que non é competente para investigar o informe sobre o caso que lle trasladou o concello da Coruña. O informe, elaborado por dúas funcionarias do concello, non determinaba ningunha responsabilidade individual nin entre os funcionarios nin entre os membros do goberno municipal, mas si determinaba con absoluta clareza que o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, foi quen supervisou de forma directa o asunto.

O escándalo Someso -a expropriación de terrenos na entrada da cidade para a construción dun campo de fútbol que nunca chegou a realizarse, solares sobre os que se acabaría edificando un centro comercial e vivendas- acarretou perdas para o patrimonio municipal na contorna dos 40 millóns de euros. Entre os beneficiarios da pelotada urbanística áchase o empresario da construción e chefe da patronal galega, Antonio Fontenla.

Xosé Manuel Carril anunciou que o BNG se personará no caso e exixiu por escrito ao Goberno de Negreira a revisar de oficio todas as actuacións e acordos vencellados ao caso Someso

Xa no mesmo momento en que o concello da Coruña anunciou por boca do seu alcalde, o popular Carlos Negreira, que ía dar traslado do informe á Fiscalía, o portavoz do BNG no Concello, Xosé Manuel Carril, agoirou que esa era unha vía morta por non ter a documentación substancia suficiente para o fiscal actuar. Carril demandou daquela que se fose ao Tribunal de Contas e ao xulgado. Os feitos danlle agora a razón.

O portavoz nacionalista advertiu esta sexta feira a través dun escrito ao rexedor coruñés que de non "revisar todas as actuacións e acordos adoptados no caso Someso" será o propio BNG quen leve o asunto perante os tribunais. .

Ao admitir o Tribunal de Contas a trámite o escrito formulado polo BNG, @s nacionalistas poderán personárense como acusación particular, cuestión que foi anunciada polo voceiro municipal do Bloque, Xose Manuel Carril.

O voceiro nacionalista lembrou que nun escrito previo enviado ao Goberno de Carlos Negreira --con data do 12 de xaneiro, @s nacionalistas xa advertian que o informe municipal non tiña a consistencia suficiente para ser tomado en consideración pola fiscalía.

Comentarios