O tempo medio de agarda pola Risga duplica o estabelecido na lei

O BNG preguntará no Parlamento que medidas ten en mente a Xunta para facer fronte ás cifras: en Galiza hai 133 persoas sen fogar por cada 100 mil habitantes, o dobre que no estado. A deputada Carme Adán interesarase tamén por saber por que o proxecto de lei de inclusión "leva dous anos e medio de retraso" na súa tramitación. A norma vixente, de 1991, fixa en tres os meses de agarda pola Renda de inserción. Porén, quen a solicita non a cobra até os seis meses
photo_camera [Imaxe: Rede galega contra a pobreza]


Galiza duplica a media do estado polo número de persoas sen fogar. Así o sinalan os últimos datos facilitados polo INE, o instituto español de estatística, que contabilizaron un total de 133 sen teito por cada 100 mil habitantes, fronte ás 71 persoas que de media rexistran o conxunto dos territorios.

Pola súa situación preguntará no Parlamento galego a deputada do BNG Carme Adán, quen exixirá á Xunta que explique por que a obriga legal de redactar un proxecto de lei novo ao redor do disposto na lei galega de inserción social, que data de 1991, non se cumpriu aínda, cando a disposición derradeira primeira da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galiza, dispón que a nova norma en prol da inclusión deberá redactarse no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta última lei, isto é, desde o 18 de marzo de 2009.

"Leva dous anos e medio de retraso", recalcou Adán, quen tamén se interesará pola explicación que ten que dar a Xunta para xustificar os atrasos nas tramitacións da Risga, a Renda de integración social da Galiza. A referida lei de 1991 estabelece que o prazo de resolución desta prestación será de tres meses, cando o tempo de espera se duplica na meirande parte dos casos.

A deputada nacionalista enfatiza "a perda do emprego e a posterior perda da vivenda" como causas que explican a elevada cifra de persoas que a día de hoxe están sen teito no País, e acrecenta a estas dúas causas "as políticas de austeridade" emprendidas polo PP, que conduciron ao deterioro ou ao desmantelamento dos servizos sociais. Adán quere saber tamén se a Xunta prevé seguir recortando neste campo nos orzamentos do 2013.

Comentarios