O soberanismo aposta pola construción de "espazos comúns"

Desde o BNG afirman que o seu obxectivo é "recuperar a unidade de acción do nacionalismo" a través da xeración de espazos de traballo comúns. A vontade amosada pola organización frontista foi parabenizada por Causa Galiza, Nós-UP e CxG

soberanía
photo_camera soberanía

Após unha primeira rolda de contactos encetados polo BNG coas demais forzas soberanistas o nacionalismo galego dá paso a unha nova etapa marcada pola apertura de canles de diálogo estábeis e periódicas. O obxectivo destes encontros, apuntan desde o Bloque é procurar "a normalización das relacións" coas demais forzas nacionalistas e "explorar as posibilidades de colaboración na acción política". 

Os obxectivos da rolda de encontros iniciada advogan pola "normalización das relacións" entre as organizacións soberanistas e a exploración de posíbeis "colaboracións na acción política"

A iniciativa --que toma parte dos acordos adoptados pola organización frontista após a XIV Asemblea nacional-- foi parabenizada polas direccións políticas de Nós-UP, Causa Galiza e Compromiso por Galiza logo de se reuniren nunha primeira xuntanza cunha delegación da executiva do BNG.

Desde Causa Galiza, a última das organizacións en se sumar a esta iniciativa, aseguran que o encontro desenvolvido a pasada fin de semana entre ambas as dúas formacións contribuiu a "abrir unha canle de comuniación estábel" e a achegar posicionamentos a prol da superación da grave situación que atinxe a Galiza. 

Procurar a "unidade de acción" a prol dun proceso de ruptura democrática

Neste senso, @s independentistas valoraron "positivamente" que ambas as dúas delegacións partillasen a "reivindicación da soberanía política e a independencia nacionais" como "únicas vías estratéxicas posíbeis" para a superación do actual marco xurídico-político. Desde o Bloque, afirman que só a través dunha "resposta unitaria e en chave galega" se pode superar "a situación actual" polo que saudaron que as formacións coas que até o momento se reuniron partillen coa fronte a urxencia de construír "espazos de xeometría variábel" mais nos que desenvolver "un traballo común". 

Para o Bloque, os resultados tirados desta primeira rolda de contactos deixan ver "a vontade" do soberanismo a prol da "normalización das relacións" e da "recuperación da unidade de acción" á fin de responder, din, á situación de emerxencia nacional que está a viver Galiza.

A canle de comunicación aberta con estes primeiros encontros, din, aséntase na "vontade de manter unha relación fluída" a partir do recoñecemento das "diferenzas" e da "autonomía dos proxectos". 

Comentarios