O SLG denuncia irregularidades no control sanitario da cabana gandeira

Segundo descubre o Sindicato Labrego Galego, na detección de enfermidades por parte do persoal encargado do saneamento gandeiro da Consellaría de Medio Rural proliferan falsos positivos. A consecuencia é o sacrificio dunha parte importante das cabanas gandeiras da Galiza.
Conferencia de prensa SLG
photo_camera Conferencia de prensa SLG

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou que moitas explotacións gandeiras sofren a “irresponsabilidade” da Administración no control sanitario da cabana. A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, asegurou que “moitas explotacións gandeiras de todo tipo teñen serios problemas económicos polo xeito en que se están abordando as campañas de saneamento gandeiro de Galiza”. En concreto, Freire afirmou que “na detección de enfermidades, por parte do persoal encargado do saneamento gandeiro, que traballa para a Consellaría de Medio Rural, están proliferando falsos positivos que obrigan a sacrificar unha parte importante das cabanas gandeiras sen que exista a certeza de que os animais estean realmente enfermos. Isto débese a que os criterios con que se fai o saneamento son absolutamente aleatorios e subxectivos, e somete as explotacións afectadas a unha perda económica gravísima e ao risco de peche”.

Sacrificar por sacrificar
O caso de Cándido é paradigmático. Este gandeiro de Cabanas (A Baña) xestiona unha explotación láctea con 1.200.000 litros de produción que sostén, ademais, catro postos de traballo directos. O 23 de setembro de 2011, o matadoiro ao que envía as vacas notificoulle que incinerara unha por tuberculose, sen poder comprobalo. Automaticamente, o xefe de área de Sanidade Animal inmobilizou a súa explotación. Esa mesma semana, fíxose o saneamento ordinario da explotación por persoal de Tragsega, que deu resultado negativo, tanto en tuberculose como brucelose. No entanto, o xefe de área ordenou inmobilizar tres vacas, das cales unha deu positivo, segundo a Administración. Aos sesenta días, a finais de xaneiro, ordenaron o sacrificio doutras 28 vacas. Tras as probas feitas, ningunha destas 28 vacas resultou estar enferma; nin sequera o estaba a primeira vaca incinerada polo matadoiro. En total, de 31 vacas sacrificadas, 30 estaban sas.

En total, de 31 vacas sacrificadas, 30 estaban sas.

Pasaron catro meses desde os sacrificios e Cándido non viu nin un céntimo da indemnización á que ten dereito e que necesita para repoñer o gando sacrificado, a pesares das promesas de altos cargos da Consellaría de Medio Rural. Meses en que tivo unha baixada de produción de 1.000 litros diarios, que aínda padece a día de hoxe, cos miles de euros en perdas que iso lle supón. Ademais, ao estar a súa explotación intervida, non poden aleitar os becerros, polo que os teñen que levar a cebadeiros sen saber canto van cobrar por eles.

Comentarios