A Xunta resíste a pór a disposición do Parlamento os contratos de Dorado co Sergas e Portos de Galiza

Após dez días de ter sido solicitada a documentación, a Xunta opta por unha comparecencia oral en troca de pór a disposición do Parlamento os contratos asinados polo Sergas e Portos de Galiza con empresas do narcotraficante Dorado

A consellaría de Sanidade enviará ao Parlamento o seu número dous para explicar os contratos asinados entre 1992 e 1998 polo Sergas con empresas titularidade do narcotraficante arousán. A información achegada polo executivo galego após ser solicitada polos grupos da oposición non incluiu no seu día aquela relativa aos organismos autónomos Sergas e Portos de Galiza. 

O PSdeG, que solicitou a comezos de abril a documentación, non poderá acceder "á totalidade dos contratos" --como demandaba-- e deberá conformarse coa resposta oral por parte dun alto cargo da Xunta. O portavoz do grupo parlamentar socialista, Abel Losada tildou de "totalmente inhabitual" o proceder do executivo galego e exixiu que se lles faga entrega da documentación solicitada de acordo co estabelecido no Regulamento da Cámara mais tamén "co que pediramos", indicou Losada en comparecencia de imprensa. 

A Xunta de Galiza, rexeita así entregar os contratos asinados pola Consellaría de Sanidade entre 1992 e 1998. Naquela altura, Alberto Núñez Feijóo era número dous de Sanidade. @s socialistas cuestionan que @ comparecente elixid@ polo Sergas vaia dar conta de toda a información demandada mais advirten que "insistiremos" en que se faga entrega dos contratos. 

Comentarios