O responsábel de Unidade da Esquerda Galega renuncia ao seu posto no Consello Nacional de Compromiso por Galicia


Oscar Lomba manterá o seu lugar na Coordinadora de Anova-Irmandade Nacionalista, da que tamén facía parte, e avoga por unha confluencia de ambos proxectos e mesmo, "no futuro", por un entendemento co BNG
Óscar Lomba
photo_camera Óscar Lomba

Óscar Lomba, responsábel de Unidade da Esquerda Galega (UEG), renuncia ao posto que ocupaba no Consello Nacional de Compromiso por Galicia, formación da que entrou a formar parte a finais do mes de xuño cun grupo de militantes de UEG. A decisión prodúcese, recoñece o propio Lomba, ao darse un problema ético, pois tamén facía parte da Coordinadora de Anova-Irmandade Nacionalista, da que sí seguirá sendo membro.

Lomba lembra que a militancia de Unidade de Esquerda Galega optou por participar nos novos proxectos de reformulación do nacionalismo postos en marcha desde febreiro: "Un sector maioritario decantouse por Compromiso e outro, polo NPC, que agora é Anova". Este xoves UEG celebrou unha asemblea, que o propio Lomba calificou de "complexa", na que se debatiu polo miudo a situación que xeraba esa presenza nos órganos rectores das dúas formacións, así como a implicación da militancia nestes proxectos. Foi un debate intenso no que mesmo se chegou a pensar, sinala Lomba, "en romper UEG". Mais finalmente optouse por seguir adiante con UEG como organización con entidade propia e que a súa militancia se implicase na opción que máis lle interese: Compromiso ou Anova.

Confluencia

Óscar Lomba incidiu en que o obxectivo de Unidade de Esquerda Galega é traballar para que haxa unha "confluencia" de ambas organizacións (Compromiso e Anova) e mesmo, apuntou, que no futuro se dé un "entendemento" co BNG. Apunta a que Galiza precisa dunha confluencia das forzas nacionalistas en clave de progreso.

Neste sentido, puxo como exemplo o vindeiro Día da Patria, onde vai haber até cinco actos distintos, "algo que, creo, a sociedade galega non entende". Óscar Lomba aproveitou para facer un chamamento á militancia e afiliación de UEG para que participen este 25 de xullo en todos aqueles actos nacionalistas que consideren pertinentes.

Desde 1994

A UEG naceu en 1994 con persoas do Partido Obreiro Galego, Unidade Galega e Esquerda Galega. Participaron en eleccións municipais e nos últimos anos diminuíu a súa actividade política. Agora, desde a entrada de ex-militantes do PSdeG, comezaron os contactos e as colaboracións cos novos proxectos do nacionalismo. Na súa conta de Twitter defínense como unha organización "socialista, ecoloxista, galeguista, internacionalista, que loita contra a explotación e dominación". O propio Óscar Lomba recoñece que é unha formación pequena e modesta en canto a número de militantes mais con gañas de participar na vida política e social do país.

Comentarios